A Corte do Santo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

17 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante estes días, un equipo de arqueólogos ten aberta unha fiestra ao pasado na Corte do Santo, non moi lonxe da ponte da Portela, na serra do Barbanza. A intervención está financiada polo proxecto Ecoloc da Universidade de Santiago de Compostela, que ten como investigador principal ao profesor José Carlos Sánchez Pardo xunto co concello da Pobra do Caramiñal. Conta coa colaboración da comunidade de montes de San Isidro.

A historia é fascinante: polo seu misterioso topónimo (Santo? que santo?), a súa localización nun espectacular e hoxe solitario meandro do río Barbanza e as pequenas dimensións dunha estrutura que á súa vez ten grosos muros, fixo pensar que se podería tratar dalgún eremitorio ou capela moi antigo, e así consta nos catálogos oficiais de patrimonio. Pero se foi capela, sucedeu hai moitos anos, porque nin quedou rastro da documentación e ata o nome do santo se perdeu.

Os arqueólogos, baixo a dirección de Mario Ramos, de Tempos Arqueólogos, parten de cero para ver que evidencias nos vai dar este lugar. E os primeiros datos comezan a indicar que a pequena e estraña estrutura que hai alí é máis complexa do que parecía a simple vista. Para iso está a arqueoloxía!

Para contarnos os resultados, os arqueólogos amosarán a escavación este xoves 18, ás 18.00 horas, a quen queira coñecela. Agardaranvos na ponte da Portela, xa arriba na serra do Barbanza, para chegardes á Corte do Santo. Descubriredes un lugar tan único como evocador. E se hai sorte, algo da solución a este misterio.