Loaria Pérez: «Facer cousas dende o local, dalgún xeito nos une e nos diferencia»

Miguel Cascallar

BARBANZA

ABRALDES

Elabora cerámica decorativa con formas «da nosa identidade»

28 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Loaira: dise da raiola de sol entre as nubes ou a choiva. Sen estarmos seguras de se foi un xogo de Uxío Novoneyra, a nosa Loa veunos dar luz neses días escuros, veunos dar luz en forma de arte; arte que da en plasmar coas súas mans para logo quentar no forno, como ela quenta coas súas pezas os nosos corazóns. Con ela habemos dar esta conversa, unha conversa que xorde dende o amor, o amor que cara ela profeso.

—Estudaches no IES Praia Barraña o bacharelato de arte. Que cres que te encamiñou a formarte polos derroteiros da arte?

—Comecei con esa formación ao decatarme de que era o único que se me daba ben e me gustaba. Como non tiña boa memoria e non daba en lembrar, por exemplo, as diferentes clases de oracións na análise sintáctica, entendía que as outras ramas non eran para min.

—Como foi a vez primeira que te deches conta de que porías producir arte?

—Debo dicir que produción artística como tal non é o que máis me chama, senón que é a parte técnica das artes en xeral o que esperta un interese en min. Por exemplo, cando dou en aprender unha técnica particular, é o paso previo para interesarme por outra.

—Cóntanos o camiño dende eses primeiros pasos no Mestre Mateo, a cocer, agora, na Lomba

—O que máis me interesou no Mestre Mateo, onde cursaba xoiaría, era a parte relativa á microfusión, que consiste nunha talla de cera que se reproduce logo mediante moldes, e que vén tendo relación co que estou a facer: reproducir pezas mediante moldes.

—Logo do Mestre do Mateo?

—Estudei Conservación Pictórica e Belas Artes en Pontevedra.

—Sei que o estudo de Conservación levoute a dar cos teus ósos a México. Como foi esa experiencia?

—Foron unhas prácticas de Conservación de Pintura Mural na antiga cidade maia de Calakmul, en Campeche. Ficamos durante tres semanas illados no xacemento, reserva da Biosfera, e mais unha semana viaxando por diferentes zonas da península de Iucatán.

—Cando te formabas en Belas Artes, remataches por vivir en Bos Aires e Valparaíso. Como foi?

—Unha compañeira de clase pediu unha bolsa de estudos para min en Bos Aires. Ao ano seguinte xa estabamos aló. Logo dun semestre chegaron as vacacións de verán: acabei percorrendo coas miñas compañeiras o Norte de Arxentina e Bolivia, e logo, pola miña conta, viaxei por Perú e Chile, rematando en Valparaíso, para regresar a Bos Aires en moto e rematar o curso.

—Como amante das técnicas que es, cal aprendiches por alá?

—Cursei as materias de Artes del Fuego, definida pola miña compañeira como «botar lume pola boca» e, finalmente, rematei no barrio de Boca. As técnicas que aprendín desas materias foron o vidro, cerámica, mosaico, Historia da arte precolombina, e Filosofía do Pensamento Latinoamericano.

—Con tanta formación nos eidos da arte, que che ofreceu a cerámica para non querer abandonala ata hoxe en día?

—A cerámica é unha disciplina onde a técnica é infinda. Podes experimentar con recursos da túa contorna diferentes pastas, acabados, vidrados; diferentes tipos de fornos; estudar tamén distintas culturas coas súas respectivas técnicas. Asemade a cerámica ten a súa propia iconografía, as súas pezas e formas dependendo do seu contexto: de clase, cultural, xeográfico ou cerimonial.

—Ao regresares de Suramérica, seguiches ampliando a túa formación, non si?

—Si, fixen a especialidade de cerámica en Bilbo, chamada Arte e Función, onde aprendín a técnica de baleirado, elaboración de moldes e formulación de vidrados, clave no traballo que estou a desenvolver.

—Como foi a túa experiencia coa Súa Maxestade?

—Breve.

?Fálanos acerca da historia desta casa, o teu obradoiro.

—Esta era a casa da miña avoa. O taller está situado no que era o garaxe. Foi a casa na que nacemos Abe, o meu compañeiro creativo, mais eu. Onde se sitúan os nosos recordos de infancia: a aldea da Lomba, a praia dos Raposiños ou a Escola de Cadreche.

—Sinto que a túa contorna é importante no teu traballo. É así? Por que na Lomba?

—Penso que é importante facer cousas dende o local, que dalgún xeito é o que nos une e nos diferencia; temos moita máis identidade e potencial que o ser unha vila turística.

—Por outra parte, como creadora de formas, como cres que estas inflúen nas persoas?

—Pois... hainas cadradas, ovaladas...

—Que é para ti a cerámica?

—Se falamos de cerámica, normalmente falamos de arxila ou outros materiais cerámicos cocidos, mais, para min, fai referencia a recrear, mediante métodos artificiais, os procesos minerais da natureza.

—Para rematar, como definirías a cerámica que produces e por que decidiches crear o tipo de cerámica que fas?

—Facemos cerámica decorativa e utilitaria de temática local: referente á etnografía, formas marítimas, mestura coa cerámica tradicional, a natureza autóctona..., vaia, formas da nosa identidade. Tamén empregamos gres, un material de alta temperatura (que se enforna a 1250 graos), xa que con eles podemos experimentar con vidrados minerais de alto punto de fusión.