«Guapismo»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Vista general de una sesión plenaria en el Congreso de los Diputados.
Vista general de una sesión plenaria en el Congreso de los Diputados. Alberto Ortega | EUROPAPRESS

09 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Debe ser cousa miña, pero por se acaso vou compartir esta preocupación, a ver se soamente son eu o que ve isto. Desde hai un tempo a esta parte vexo guapas e guapos onde antes non os había.

Cando ves as novas xeracións de políticos, hai unha chea de xente de bo ver nos dous sexos. Antes non ocorría así: se percorremos o panteón —tanto de vivos como de mortos— de políticos da Transición, ou das décadas dos 80 e 90, temos un amplo repertorio de feísmo.

Pero agora parece que nos partidos pasan todos por un cásting de axencia de modelos. Se esta fose unha columna melancólica de señor maior diría que iso é porque antes os políticos ascendían pola súa valía intelectual. Aquí non imos ser tan inxenuos: algúns chegarían por iso e outros por outras habilidades menos confesables. Pero o caso é que na política, na empresa ou na cultura podías mandar moito sendo máis feo ca un carolo. Agora teño as miñas dúbidas.

O guapismo vaise estendendo a lugares onde antes non existía. Case en paralelo cos castings de miss e míster parlamento, funcionan moito os de miss e míster escritora. Véxoos sobre todo nas novas xeracións creadoras que aparecen nos suplementos culturais e nas revistas literarias.

 Todas e todos teñen o seu punto, sen dúbida ningunha. Pero a gran sorpresa é cando despois coñeces a toda esta xente en persoa, volves a mirar a foto e pensas que che venderon gato por lebre. E aí decátaste de que o gran problema da túa xeración dos 80 é que as únicas fotos para as que nos ensinaron a posar eran as do carné de identidade e as da comuñón.