«É imperdoable que no século XXI haxa xente encerrada pola inaccesibilidade»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Anxo Queiruga
Anxo Queiruga

Anxo Queiruga loita desde hai dúas décadas polos dereitos das persoas con discapacidade

14 oct 2024 . Actualizado a las 12:46 h.

Comezou desde cero, sendo un socio máis de Ambar que, pola situación de discapacidade, buscaba axuda e asesoramento. Decatouse da importancia que tiñan as asociacións para brindar estes e outros servizos e quixo implicase nelas. Hoxe en día, Anxo Queiruga é o máximo expoñente da loita pola igualdade das persoas con discapacidade en Galicia, onde preside Cogami desde hai 17 anos, e un dos pesos pesados a nivel estatal, pois leva sete anos liderando a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (Cocemfe).

—Que o levou a liderar estas asociacións?

—Por unha banda, a demanda histórica da accesibilidade, que segue a estar moi presente, pero quizais o gran cabalo de batalla foi a integración no mundo laboral. Foi un tema complexo, porque nós tiñamos necesidade de traballar, pero as empresas eran reticentes a contratarnos. De aí que Cogami puxera en marcha empresas. Hoxe conta con 1.200 postos de traballo e o 90 % están ocupados por persoas con diversidade funcional. Tamén foi importante formar unha rede de asociacións no rural, hoxe hai 60, pero hai que seguir traballando no tema.

—Seguen habendo discriminación no rural?

—Está claro, non hai servizos análogos aos das cidades, por iso é importante a implantación de asociacións nas localidades, para que lle dean resposta ás demandas das persoas con discapacidade e das súas familias.

—Como variou a situación das persoas con discapacidade desde os seus comezos en Ambar ata agora?

—Houbo unha evolución positiva, pero non ao ritmo que nos gustaría. Sempre defendemos ter un proxecto vital, unha vida independente e autónoma, escapando do paternalismo. Tamén hai que romper estereotipos vinculados á accesibilidade, parece que só a precisamos nós, pero beneficia á sociedade no seu conxunto e non vai en contra de ninguén.

—Para ese proxecto vital, o acceso ao traballo é fundamental...

—É un dos campos nos que está incidindo Cogami. Somos centro asociado do Servizo Galego de Colocación e o ano pasado conseguimos que 1.600 usuarios accederan a un posto de traballo. Sería de necios non recoñecer que non houbo avances cara a inclusión ou que agora non somos máis visibles, pero en moitas ocasións, ter unha persoa con discapacidade aínda é un problema, aínda condiciona ao resto da familia pola falla de recursos e apoios. No noso colectivo, a taxa de desemprego duplica á do resto da poboación, polo que hai que facer discriminación positiva.

—Hai grandes esquecidos no eido da discapacidade?

—As persoas con gran discapacidade son as que máis apoio precisan e aí hai que facer os maiores esforzos. Non pode ser que haxa servizos incompatibles, como a axuda no fogar e a asistencia persoal.

—Queiman os cargos despois de tanto tempo?

—Si, sobre todo a min que teño unha gran discapacidade e teño que estar continuamente percorrendo España. Uns anos é enriquecedor e permite ter unha visión xeral da situación a nivel estatal, pero é esgotador, sobre todo a nivel político, porque hai que pelexar e insistir se queres que os temas avancen. Tamén é frustrante que os resultados da loita non sexan os esperados. É imperdoable que no século XXI haxa xente encerrada nas súas casas pola inaccesibilidade e en España temos a cen mil persoas nesta situación.

—Cales son os seus grandes retos?

—Hai tres temas que temos enriba da mesa que considero prioritarios. Un é que se cambie a lei de propiedade horizontal, eliminando o número de cotas para poder facer unha comunidade accesible. Outro é a aprobación da lei de economía social. O último é a regulación da figura do asistente persoal, conseguir que se estenda por toda España, porque é un recurso imprescindible.

«Non debería ser un titular que se fai un parque adaptado, posto que todos deberían selo»

Anuncia que este mandato que comezou en xuño será o último á fronte de Cocemfe: «As entidades necesitan frescura e novas ideas». Anxo Queiruga fai esta teoría extensible a Cogami, deixando caer que o seu fin na presidente está tamén próximo.

—Incide na importancia da autonomía e da accesibilidade, cal é a situación en Barbanza?

—Vaise avanzando, pero queda moito por facer. Non debería ser un titular que se fai un parque adaptado, como aínda ocorre, posto que todos deberían selo. So así que se pode garantir a integración da que tanto se fala. Seguimos insistindo nisto, porque consideramos que é algo que xa debería estar asumido. E para fomentar a autonomía é preciso contar con servizos de atención temperá, porque facilitan que no futuro as persoas con discapacidade teñan máis posibilidades.

—A apertura de residencias entra nos proxectos de Cogami?

—Defendemos un proxecto de pequenas residencias distribuídas polas diferentes comarcas, pois a idea é que os usuarios non teñan que afastarse moito dos seus núcleos de residencia. Estamos traballando para abrir unha en Outes e tamén outras nas zonas de Arzúa e Pontevedra. Ademais, queremos contar tamén con algunha vivenda que nos permita promover a vida independente.

—Que outros obxectivos ten en mente como presidente de Cogami?

—Queremos achegar a rede de servizos a todas as comarcas, porque consideramos que é o único xeito de garantir a igualdade entre aquelas persoas que viven no rural e as que residen nas cidades. Tamén seguimos a considerar a accesibilidade como un tema prioritario, hai que seguir avanzando na eliminación de barreiras, tanto nas novas actuacións como nas que xa están feitas. E claro está, o acceso ao mundo laboral é imprescindible para que as persoas con discapacidade poidan