A idea de que todo vale para impoñer a axenda e o marco político propio acadou límites que había tempo que non viamos
06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O domingo, no medio da enxurrada de mensaxes que se cruzaban nas redes sociais ao redor da catástrofe de Valencia, un usuario da plataforma X fíxome rir. «Creo que agora Íñigo Errejón podería pasear polo centro de Madrid bailando e vestido de Papá Noel que ninguén se ía enterar». Vivín todo o problema da inundación acuática de Valencia (e a posterior inundación dixital) de viaxe, así que recibía a información de xeito fragmentario. Pero cada vez que abría as miñas redes, aproveitaba para bloquear uns cantos usuarios.
A miña percepción é que se perdeu un pudor —do que nunca estivemos moi escasos— á hora de comentar, avaliar e xulgar unha angustiosa e dolorosa situación para moitos cidadáns. A idea de que todo vale para impoñer a axenda e o marco político propio acadou límites que había tempo que non viamos. Se cadra durante o procés vimos cousas similares, pero en poucas situacións máis. Pensei tamén en que tería sucedido durante a catástrofe do Prestige se tiveran habido redes sociais. Cavilei niso mentres lembraba aqueles intensos días no Barbanza.
Pensei en toda a xente que considera o Exército como a salvación e lembrei aqueles pobres soldados, enviados con precipitación para a foto, que chegaron esfameados, implorando bocadillos, á confraría de Aguiño, que tiña comida de sobra e unha excelente loxística de crise. Pensei en como se tería xestionado politicamente aquela catástrofe. E non teño nada claro se as redes sociais terían axudado ou prexudicado aínda máis. O presente sempre nos devolve ao pasado.