A ver, digámolo así. Haber hai de todo, pero os galegos temos, como di Sole, o umbral do doce bastante baixo mentres que o do salgado está ben alto. Esas costeletas e eses churrascos aos que se lle instala por riba unha capa de sal que daría para momificar un mamut asúmense coma o máis normal do mundo. Pola contra, se nos dan un alfajor uruguaio, ese doce excesivo repugna e imaxinamos unha bomba directa ás arterias. Temos unha dobre vara de medir, si, pero quen non ten contradicións e quen non as abraza con alegría inconsciente!
Esa sobriedade dos nosos doces, nos que rosquillas, arroces con leite, roscas ou cremas teñen o azucre ben medido soamente se creban cando nos traen unha bica de Caldelas, aínda que ben, fanse case na fronteira do país e cos fríos que hai na montaña ata se lles tolera. Diría que no Barbanza e na costa coruñesa somos especialmente sobrios ante o azucre.
Esa contención cultural non nos é mala para o sedentario mundo actual, pero creo que está cambiando cos mozos. A forte penetración de doces con nomes ingleses tipo trucrumble ou packledonut, con máis cualidades fotográficas que gastronómicas, fainos temer que poida haber quen se confunda. Imaxinade se en vez de publicalo na conta de Instagram o metes pola boca e a bomba calórica estoupa dentro.
Ademais, como lle pasaba ao outro, o doce nos confunde. Os perfís que publican máis fotografías papando chocochackles son de xente tan fina, guapa e sen un gramo de graxa que deben almorzar espárragos. Alguén nos está enganando. E o crookiroller non debe ser.