Perdín a identidade. Toda. A dignidade. Tola. E non tola por ti, que te reclamase. Tola en ti. Encadeada no peso de non ser. Serea errante que se engalana para uns ollos -os teus- que non a adiviñan, na espera dun encontro que non tería lugar, sabíao. Paixón que invade o corpo, a mente, o día todo. A noite. Ti. Obsesión. Días de abrazos sen corpos, idealizados, irreais. Os bicos de todos os amantes de libros, películas, soños... eran teus. En min.
Cociñaba pratos xamais degustados, nin por min, que non era quen de profanar a ofrenda. Viños que non se abriron nin hoxe, un ano despois do exorcismo. Compartir fragrancias nas noites que non eras... Se soaba o teléfono, o timbre, eras ti aínda despois de descolgar ou abrir. Continuabas comigo o resto das horas.
No libro Pura paixón, de Annie Ernaux, Nobel de literatura 2022, a protagonista escribe que tivo comportamentos que tachaba de insensatos nos demais, ata que ela mesma recorreu a eles, atopándose presa da paixón polo seu amante. Identifícome na afirmación da perda absoluta do eu propio, para pasar a ser o refuxio onde aniña outro ser. Eco sobre o que baten palabras, sensacións, accións que nosoutras mesmas proxectamos sobre unha pantalla cega. Cada minuto eras Ti ?El para a protagonista do libro?. No caso da ficción, é a entrega pasional real a que dá fío e xustifica todo canto a muller vive na ausencia do El. Transita na sombra do seu amante en canto deixa de iluminala.
Eu non coñecín o sabor dos teus beizos, o teu corpo nu, o recendo do teu sexo, o tamaño do teu desexo... Non intimamos, agás algunha conversa na cafetería que compartiamos. Non me bicaches, nin fixeches algo que me levase a pensar que o desexabas. Xamais.
Como é que chegaches a tal nivel de posesión do meu corpo, da miña mente, do meu corazón... Cada noite. Todos os días. Na compra, no traballo, no ir e vir, no estar. Como facías dobregar os meus instintos, mesmo os máis privados, é para min un auténtico misterio, máis auténtico, se cabe, desde que sei que é algo que lle pasa a outras mulleres.