A Voz de Barbantia acada o sétimo recompilatorio co oitavo xa esperando ás portas
BARBANZA
O volume presentarase o domingo en Muros e poderá adquirirse nos quioscos co xornal de La Voz de Galicia
08 dic 2024 . Actualizado a las 13:38 h.A actividade da Asociación Cultural Barbantia ten, entre os seus piares, a publicación mensual do suplemento A Voz de Barbantia, nas páxinas centrais da edición comarcal de La Voz de Galicia en Barbanza. Estamos ante un volume único, xa que os caderniños de catro páxinas teñen a peculiaridade de contar con 11 seccións elaboradas por colaboradores alleos á redacción do xornal, a meirande parte vinculados ao mundo da cultura das comarcas de Barbanza, Muros e Noia, feito que xustifica que, ademais de eternizarse na hemeroteca do primeiro periódico de Galicia, pasen a ocupar espazos de privilexio en bibliotecas públicas e fogares privados.
Ata agora, a colección constaba de seis recompilatorios, e o sétimo xa é unha realidade e vaise presentar o vindeiro sábado 14 na Casa da Cultura de Muros, ao mesmo tempo que se distribúe polos quioscos para que todo aquel que queira facerse cunha destas xoias da creatividade de Barbanza poda cumprir o desexo adquirindo ao mesmo tempo o xornal do día que, precisamente o mesmo sábado, publica o suplemento número 200 de A Voz de Barbantia, un fito histórico único na prensa galega e que confirma que o oitavo recompilatorio xa está ás portas.
Acto anual
A presentación do sétimo recompilatorio coincide con unha das citas máis relevantes de Barbantia na actividade anual, xa que se entregarán os Premios da Cultura, que promove a entidade, e que este ano recaen en Che Tembra, que recollerá o galardón pola súa traxectoria artística; o dúo musical Barahúnda, ao que se lle recoñece a súa iniciativa cultural no Barbanza, e o arpista Rodrigo Romaní, considerado merecedor do premio da Cultura Galega.
Na mesma cita, como é costume, vaise dar a coñecer o Anuario de estudos do Barbanza, que acada o vixésimo volume, tantos como anos ten a Asociación Cultural Barbantia, que precisamente este 2024 celebra as súas dúas décadas marcando o paso da cultura no territorio barbancés. Esta entrega conta con achegas de Xosé Ricardo Losada, Iria Caamaño, María Mayo, Pedro García Vidal, Margarita Novo, Alfonso Blanco, Milagros Torrado, Encarna Pego, Alberto González, Miguel Ángel Sánchez, Jesús Pérez, Rocío Yáñez, Néstor Sieira, Román Arén, María Xesús Blanco, Emilio García, Esperanza Mariño, Pastor Rodríguez, Pilar Sampedro e Margort Fernández, coa coordinación a cargo de Manuel Cartea e Xoán Pastor Rodríguez.
E como colofón a tanta concentración cultural no mesmo día, os socios de Barbantia compartirán mesa nun xantar con motivo do Nadal e o fin dun ano de intensa actividade. Para asistir, é necesario confirmar asistencia.