
É habitual ver como particulares ou Administracións cometen erros nas obras de reparación de bens patrimoniais —hórreos, vivendas, cruceiros, urbanizacións—. É case materia reservada para expertos o coñecemento na intervención dos monumentos, e expertos temos poucos infelizmente.
Para os particulares, acceder a unha persoa experta para facer obras de restauración é un camiño moi difícil, senón imposible. As Administracións deberían ter á súa disposición persoas preparadas para relacionase co seu patrimonio, pero non é así. Por desgraza, incluír un experto no cadro de persoal non é unha prioridade, tamén porque o propio pobo non é esixente nese eido.
Sendo que en Galicia a maioría da poboación é propietaria de elementos patrimoniais, que precisan de conservación, e non saben como actuar. Así vemos animaladas feitas por institucións, con toda naturalidade e que cando se critican, non se botan atrás, moi ao contrario.
É moi necesario que a Xunta de Galicia elabore un manual de boas prácticas para distribuír a todos os concellos e a todos os técnicos que interveñen no patrimonio. Un tratado con ilustracións e fórmulas fáciles de entender e manexar, que figure en todas as bibliotecas de urbanismo, tamén dos propios proxectistas.
Polo menos, se se incumpren as boas prácticas non será por descoñecemento, que neste momento é moi xeneralizado. É unha das cuestións que lle propoñerei ao novo conselleiro de Cultura, entre outras accións sinxelas que poderían mellorar a nosa relación co legado histórico. Simplificaría e reduciría os maltratos ao noso patrimonio cultural.