O Monumento

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Monumento de Ribeira
Monumento de Ribeira ARQUIVO XOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS

15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Así é como chamamos a ese disparate construído, segundo as crónicas, á iniciativa dos veciños, apoiados polo párroco Juan Bautista Boo Romero, cuxos restos repousan nesa cripta sen que conste ningún enterramento posterior. Unha vez máis, a igrexa galega amosa a grande diferenciación entre os fieis e a cúpula eclesiástica. Seguíase a idea do Cristo Redentor do Corcovado no Río de Janeiro. Un Sagrado Corazón de Xesús de dous metros e medio de altura, realizado polo escultor santiagués José Aldrey imporíase desde ese cumio, situado á beira do cemiterio novo, dominando toda a ría. A fe alumeará, queiras ou non, a todos aqueles que o miren, veñan do mar ou ós moradores da outra banda da ría.

O 28 de xuño de 1964, o cardeal Fernando Quiroga Palacios, rodeado de todo seu rabaño de tonsurados e negras sotanas, consagraba o mausoleo. Once anos antes da desaparición do ditador. O medo a levar a contraria a este poder fáctico impuxo unha simboloxía de clara inspiración fascista. O tempo demostrou, que esa construción non achegou ningún valor e de aí o seu abandono.

Non interesou arranxala nin buscar a súa declaración de ben de interese cultural porque non o ten e a corporación municipal debería obrigar aos propietarios da obra, o Arcebispado compostelán, a mantela. O mesmo que a calquera veciño propietario dunha leira abandonada a quen se lle multa sen preguntar se pode pagar para limpala. Eles son os propietarios. Eles deberían ser os que correran cos custos de manter un patrimonio abundante nesta comarca e preocuparse máis pola vida espiritual dos fregueses.