
No medio da contaminación, caos e ruído, é necesario atopar espazos que nos axuden a conectar co territorio e atopar serenidade
21 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O adarve dunha muralla é o camiño que decorre pola parte máis alta dela para facer as roldas de vixilancia sobre o territorio. Ese concepto pódese extrapolar ás cidades que, á medida que medran e se expanden, xeran labirintos urbanos onde é fácil perderse, tanto física como mentalmente.
No medio da contaminación, caos e ruído, é necesario atopar espazos que nos axuden a conectar co territorio e atopar serenidade. Unha solución interesante e profundamente útil podería ser a construción de sendas circulares, rutas, dispostas de forma que rodeen os barrios ou conecten puntos clave da urbe. Sería un xeito de controlar o territorio de modo máis eficiente, ao tempo que mellorarían a orientación.
As sendas circulares non só proporcionarían unha maneira máis clara e ordenada de desprazarse pola cidade, senón que tamén facilitarían unha mellor comprensión do espazo ao proporcionar puntos de referencia constantes. A repetición dunha ruta circular axudaría aos cidadáns a orientarse sen necesidade de dispositivos electrónicos, permitindo unha conexión máis directa co entorno. Isto, ao final, daría unha sensación de control e seguridade.
Desde un punto de vista psicolóxico, estas sendas serían tamén un refuxio fronte ao estrés urbano. A súa estrutura circular promovería a calma, facendo que a cidade non se perciba como un labirinto inabordable, senón como un espazo coñecido e controlado. A conexión constante con diferentes zonas da cidade sen a presión do tráfico ou da masificación melloraría o estado de ánimo dos cidadáns e reduciría a ansiedade. Asimilables aos adarves.