
Cando se abren as comportas da presa abruptamente causa morte do berberecho e ameixa
12 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ule xa a primavera. Inda non pasou Don Carnal, pero iso non importa para que a nova estación tome posesión das nosas vidas o vindeiro 20 de marzo. Volverá a luz, paseniño, para estoupar nunha noite sen fin o 24 de xuño. En San Xoán. A Barbanza ábrese a unha sinfonía de olores, cores e de camiños por percorrer ateigados de peregrinos na procura de novas e vellas paisaxes, onde o que menos importa é chegar a unha meta, para axeonllarse diante dun sarcófago protexido nun templo, revestido de pedra e musgo.
Noia, porto de Compostela, conta con moito que ver na vila, dentro e fóra do casco urbano medieval, tamén. Están as Pesqueiras do Tambre, situadas nunha natureza desbordante onde, aparece, para marabillarse, a catedral industrial de Galicia: a central hidroeléctrica inaugurada no ano 1927 e deseñada polo arquitecto porriñés Antonio Palacios, autor de outras obras de renome. Desde o aspecto turístico-cultural, este espazo cumpre con tódolos indicadores para formar parte dunha paisaxe diferenciada, dirixida a desenvolver unha liña de turismo activo onde prime a sostibilidade.
A práctica do marisqueo na rías de Muros-Noia vese afectada —quéixanse os socios da confraría—- pola devandita central afectándolle negativamente en dúas vertentes: na alteración da salinidade, cando se abren as comportas da presa abruptamente, causando a morte do berberecho e a ameixa, e no incremento da turbidez da auga, pois, ó ser liberada arrastra sedimentos, afectando a súa calidade.
A empresa explotadora debería poñer da súa parte para conxugar turismo e control dos caudais.