
O proxecto busca descubrir novos datos sobre a vida e a obra do escritor
18 feb 2025 . Actualizado a las 14:25 h.Despois de que vira a luz na Pobra en novembro, o primeiro número de Foro Galicia e Valle-Inclán, unha revista dedicada a difundir investigacións sobro o escritor, foi presentado na Cidade da Cultura compostelá. No acto participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Xaquín del Valle-Inclán Alsina, director do consello editorial da revista; e Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán do Barbanza.
Foi este último o que iniciou a quenda de intervencións, explicando os obxectivos da revista, á que se referiu como «un proxecto de interese integrador, xurdido do empeño pola democratización da investigación e do coñecemento en col da biografía, a xenialidade e a obra literaria do escritor máis internacional de Galicia».
Deseguido. Xaquín del Valle-Inclán, neto e recoñecido investigador do escritor, falou das características e contidos da nova publicación, editada atendendo «á necesidade de promover a salvagarda do rigor, o estudo das fontes contemporáneas e a divulgación do fenómeno cultural valleinclaniano alén de cativos localismos impropios ao ronsel dun artista universal».
Apoios e contidos
O acto concluíu coa intervención de Anxo Lorenzo, quen destacou o carácter de símbolo de Valle-Inclán para as letras atlánticas e a mestría única do xenio galego. Fixo referencia a estas razóns, xunto ao nivel dos estudos e ao rigor crítico ofrecido nas páxinas da revista, para argumentar o apoio brindado pola Consellería de Cultura.
O sumario deste primeiro exemplar de Foro Galicia e Valle-Inclán inclúe traballos de investigación de Herminio Valdecañas, Víctor Viana e Xaquín del Valle-Inclán, . Trátase dunha revista en edición bilingüe, sendo responsable da tradución ao galego Rocío Viéitez Ferro.
A publicación está lanzada pola asociación Foro Galicia e Valle-Inclán, da que é presidente o neto do autor de Luces de bohemia, e ten a súa sede no museo pobrense dedicado ao escritor.