Diapos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de archivo de una exposición de diapositivas en vidrio y fotografías antiguas
Imagen de archivo de una exposición de diapositivas en vidrio y fotografías antiguas JOSÉ PARDO

25 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É o termo coloquial que usabamos noutro tempo cando falabamos de diapositivas. Para os máis mozos, chamamos diapositiva —tamén transparencia ou filmina— a unha fotografía positiva, de cores reais e con moita calidade, que as cámaras crean nun plástico transparente, por medios fotoquímicos, que se enmarca nun cadro plástico.

Dito así parece algo estraño, pero aqueles pequenos marcos plásticos métense nun proxector de diapositivas e, por medio dun potente foco de luz, proxéctanse a varios metros, xeralmente nunha pantalla, ou simplemente nunha parede branca.

Nesa época —tampouco é o plistoceno— a maior parte do pobo facía fotografías negativas nun carrete plástico que se desenvolvía no interior da cámara, impresionábase a imaxe nel e revelábanse nun laboratorio. Como era máis común e accesible, as fotos revelábanas todas as tendas de fotografía das vilas e cidades, e xeralmente facíano dun día para outro. O resultado son as fotos de papel que todos coñecemos ben.

O das diapositivas era máis complexo: mandabámolas por correo a un laboratorio de Barcelona e tardaban 15 días en vir de volta. Tanto nas fotos como nas diapos, era posible que viñeran desenfocadas, cortadas, ou non nos gustaran.

Hoxe todo o mundo anda cun móbil e fai centos de fotos que pode ver no momento, e gratis, bórraas ou céntraas ou repíteas. Cólgaas nas súas redes sociais para que as vexa todo o mundo. Dille agora que ten que agardar 15 días para velas, e pagar polo revelado, aínda que teñan defectos. Moito cambiou o mundo en poucos anos. Parece que se vai acabar o mundo.