
O rexistro galego de identificación de animais de compañía, Regiac, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, certifica que en Galicia están contabilizados 735.974 cans e 67.543 gatos. No Barbanza constan 23.375 cadelos, sendo Ribeira a maioritaria censando a 7.237; Boiro, 4.549; Rianxo, 3.456; A Pobra, 2.440; Porto do Son, 2.883; e Noia, 2810. Na rexión hai 67.543 gatos censados. No Barbanza, 1.950: 631 en Ribeira; 596 en Boiro, 165 enA Pobra; 180 en Rianxo; 106 en Porto do Son; e 272 e en Noia.
Son datos fríos, pero amosan a conexión existente entre os animais e os seres humanos, propia de dúas especies que levan convivindo desde o comezo da humanidade. O pasado mércores miles de veterinarios de toda España manifestábanse en Madrid para protestar contra a limitación de pautar fármacos específicos para as mascotas, a raíz da publicación do real decreto 666/2023 en xuño, e que entraría en vigor en xaneiro do ano en curso. Os actos de protesta están a realizarse en todas as comunidades autónomas, pero chegan tarde, pois, o tempo xoga en contra.
A Dirección General de los Derechos de los Animales (Sumar), pertencente ao organigrama do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, non deu ningún sinal en contra desta medida deixándolle toda a responsabilidade ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (PSOE), que se ampara nunha directiva europea para indicar o seu obrigado cumprimento; mentres tanto, xa saíron novas sobre a morte de algún animal por non poder pautarlle o medicamento apropiado.