
Inclúese un concerto de Mercedes Peón e unha homenaxe a Ayaso
30 abr 2025 . Actualizado a las 17:02 h.Chegou o mes das letras por excelencia e en Ribeira vaise celebrar cunha programación especial, o Maio Cultural, que inclúe unha vintena de propostas. Entre as máis destacadas están un concerto de Mercedes Peón e a homenaxe que se lle tributará ao pintor local Manuel Ayaso.
Pero as actividades comezan xa o 1 de maio coa presentación do libro Liberdade para o galego, de Marcos Maceira e Elsa Quintas. O sábado día 3 coincidirán tres citas: unha sesión de contos con Cris Caldas para os máis pequenos, unha ruta por Olveira e Corrubedo coas cantareiras de Carreira e a proxección do documental Dorothé na vila. Este primeiro fin de semana de maio culminará coa clase de baile na rúa que ofrecerá o domingo o Taller Alecrín.
Tras un parón, as propostas regresarán o xoves 8 coa charla que Xosé Ramón Fandiño ofrecerá no Museo do Gravado de Artes sobre Isaac Díaz Pardo. Artes seguirá sendo epicentro cultural os tres días seguintes, coa celebración do Bruón Folk Fest.
O concerto que o conservatorio local ofrecerá o mércores 14 abrirá o fin de semana das Letras Galegas, no que se inclúen o acto en memoria de Manuel Ayaso e un concerto das corais ribeirenses (día 15), o concerto Ingrávida de Mercedes Peón (día 16), as actuacións de Bailadela, Setelinguas e Tahume (día 17) e un concerto da Rondalla de Aguiño (día 18).
Na xornada do 24 producirase unha nova chuvia cultura, con sesión de contos con Náufragos Teatro, roteiro polas parroquias cos grupos As Garridiñas e Sivalveiras, e concerto de Lau Panicanela en Carreira.
E para despedir o Maio Cultural, o 31 haberá unha nova sesión de contos, esta con Xoán Curiel, e a última ruta folclórica, que guiarán as pandeiretas de Tahume.
A maiores, do 27 ao 31 desenvolverase unha nova edición da mostra de teatro infantil Daniel Gómez Ramil e tamén está en marcha nos colexios un concurso nas categorías de poesía, prosa e banda deseñada, vinculado coas Letras Galegas.