
«As artes son democráticas, e manteñen a xente unida. A arte é inclusiva, e abraza a diversidade»
03 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inda resoan en nós estas imprescindibles reflexións de Robert de Niro (Cannes, maio do 2025): «As artes son democráticas, e manteñen a xente unida. A arte é inclusiva, e abraza a diversidade. A arte busca a verdade, e por iso é unha ameaza. De aí que sexamos unha ameaza para os autócratas e os fascistas».
Sábeo moi ben a gran artista Soledad Penalta ao idear esta escultura. E tamén nós sabemos que detrás das palabras do carismático De Niro sobrevoa hoxe unha ameazante ave de rapina, de inclasificable xinea, que se alimenta de aranceis e outras noxentas exquisiteces. Entre nós, antano foi outra a aguia vampírica que coroaba o Escudo da «Patria perversidade». E por iso é tan necesario «seguir a recordar e homenaxear os crimes fascistas como acto de xustiza e responsabilidade democrática» como nos recordou Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, no acto en que se erixiu a escultura ás vítimas ribeirenses da ditadura franquista, sita no Malecón, no que ademais interviñeron J. A. Pérez Fernández (historiador e membro da CRMHB), Mª Dolores Sanlés Sieira e Celia García Pillado (familiares das vítimas), e a artista noiesa Soledad Penalta, membro da Real Academia Galega de Belas Artes.
Non se trata de abrir feridas senón de recoñecer o sufrimento das persoas asasinadas, encarceradas, exiliadas, silenciadas, espoliadas da súa dignidade, e mesmo de traballo e propiedades de seu. E no caso da muller, con frecuencia vexadas por seren nais, irmás ou compañeiras: o corpo da muller como campo de batalla simbólico e destrutivo da autoestima. E, máis aínda, da súa independencia efectiva e moral.
Rememorar non é unha opción, é un deber moral, a necesidade de construír un presente sobre bases humanas e, ademais, transmitir ás novas xeracións os valores do respecto aos dereitos humanos, á pluralidade e á paz. Non hai cultura democrática sen memoria. E ninguén mellor que a nosa Soledad Penalta para interpretar este sentimento de reparación ás vítimas da intolerancia. Nas súas mans, a escultura, como linguaxe visual e universal, transfórmase nesa ferramenta poderosa que mantén viva a lembranza e o compromiso pola igualdade perante a lei.
O carácter público da escultura, a súa forma coral, o tamaño natural, a composición poliédrica, a agudeza tonal, a fereza textural e a pegada visual entre cordial e agresiva, fan dela unha manifestación simbólica de forte impacto emocional. Pedagoxía testemuñal! Historia viva!
Da escuridade da represión Soledad fai luz liberadora. Nas súas mans, a voz do aceiro corten devén alegato acusatorio contra o mutismo da imposición. A traxedia do pasado convértese en presente esperanzado. E grazas á súa arte, da nocturnidade tráxica de cárceres e cunetas agroma a loaira reparadora nos corazóns compadecidos.
Lembrar para que estes crimes gratuítos non queden impunes na conciencia colectiva: Grazas, Soledad, en nome de Ribeira, da Historia, e do futuro!