
Desde hai bastantes anos asisto con interese ao meu proceso de avellentamento
31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pasado o primeiro choque que produce ollarse no espello un bo día e decatarse de súpeto de que unha xa non é unha muller nova, desde hai bastantes anos asisto con interese ao meu proceso de avellentamento. Cóidoo unha oportunidade única para comprender os que me precederon, non caer no que vía coma os seus erros de percepción e constatar que nunca se deixa de aprender se se mantén viva a curiosidade polo que nos rodea.
Non negarei os aspectos menos amables do camiño, mais non paga a pena deterse neles para compadecerse nin laiarse por perder algunhas forzas que nos caracterizaron en anteriores etapas da vida, pois o que gañamos supera en valor aquela enerxía que quizais algúns inconscientes coidaban eterna. Porque está claro que todo o que nace debe morrer. Sempre.
Gústame que o meu físico, sobre todo a face, amose as engurras do vivido, que xa non presente aquel aspecto de persoa inacabada que aprecio con certa tenrura ?e algo de vergonza? nas vellas fotos e que os anos acheguen novas marcas de experiencia, irmá pequena da sabedoría. Malia ser consciente de que podo trabucarme, xa non fago dramas nin me tiro do cabelo, senón que tomo nota para evitar repetilo, mido o tempo doutro xeito e o mellor de todo, polo de agora, é a calma conseguida.