



























O cuarto libro da mazaricá foi o centro da presentación mensual de Barbantia
02 jun 2025 . Actualizado a las 12:30 h.Contou Manuel Cartea que Maricarmen Rey Núñez escribe como terapia, e a autora confesou sobre Cartea que foi quen lle dixo que para escribir tiña que ter una historia e coñecementos de gramática. Polo tanto, que ambos estiveran na mesa da presentación mensual de Barbantia non era casualidade. A obra da que falaron ambos, así como Encarna Pego —en representación de Barbantia— é a cuarta de esta mazaricá que asegurou que descubriu a súa capacidade literaria aos 57 anos. Trátase de Esconxuros para un rei, unha novela que engancha, segundo aseguraron desde o propio Cartea, hasta Pego e a concelleira de Cultura, María Outeiral, que pechou o acto.
Pego sinalou que, para ela, estabamos ante unha moi boa novela «a obra de consagración da escritora». Detallou que é un traballo picaresco con acción, diversos personaxes, pero ten unha clara protagonista desde o principio. Refírese a Zeltia, unha nena de 4 anos que é vendida a unha meiga, arredor da que xira a trama centrada nunha vida que non é moi longa.
A representante de Barbantia sinalou que xa no primeiro capítulo suceden cousas que te atrapan e que ao longo da novela xorde acción que se van resolvendo, pero aparecen outras novas. «Esta obra fíxome lembrar aos clásicos, Cervantes ou Quevedo, porque, como as que escribiron eles, ten viaxes, fondas nas que van aparecendo personaxes, saen uns e entran outros, e todos aportan algo interesante».
Encarna Pego asegurou que tamén se pode considerar unha novela histórica, porque está situada no século XVII e ten moitos referentes con datas e nomes, no reinado de Felipe IV: «Fálanos do traballo infantil, das miserias e da inxustiza social que había no antigo réxime».
Accidente
Pola súa banda, Manuel Cartea empezou discutindo o título, que «eu lle poñería, De bruxa a santa». Sobre a autora, dixo que Maricarmen Rey ten a paixón pola lectura dende nena e que no colexio de monxas no que estudou sufriu acoso escolar e, mais adiante, tivo un accidente que lle afectou á cabeza: «Ela di que lle desconxuntou a cabeza; eu, que lla conxuntou, que saíu ganando e esta novela é o mellor exemplo». Detallou Cartea que Esconxuros para un rei é un relato lineal que vai seguindo a historia, aínda que teña baches, analesas e anticipación; ofrece unha linguaxe moi coidada: «Maricarmen presenta un afán desmesurado pola estética das palabras. Compaxina maxistralmente a linguaxe oral, popular, a veces obscena e dura, coa linguaxe culta».
Manuel Cartea dividiu a novela en tres partes. O inicio, no que queda practicamente claro o que vai pasar e no que aparece o lugar onde suceden os feitos, nunha aldea de un pobo pequeno que se chama Codesos; o tempo no que sucede a acción e os personaxes. O no, que practicamente non existe, segundo Cartea, que preferiu situar no viaxe vital da nena Zeltia. E a terceira parte é o desenlace, que non revelou para que os lectores merquen o libro.
A autora do libro, Maricarmen Rey Núñez, concretou que empezou no mundo das letras con 57 anos e que escribía ao ditado do corazón, polo que lle restaba importancia á gramática. Cando remataba, dáballe un repaso a fondo e todo o vía ben: nin unha coma fora de sitio nin a falta de ningún acento, ata que «un acertado día fun bater coa rixidez de Cartea, e este home fíxome entender que para escribir novelas, ademais de ter unha historia, era imprescindible ter coñecementos básicos de gramática, e intentei facerlle caso».
Sobre a novela, dixo que é o resultado dunha idea «insumisa, rebelde como ningunha», precisou. Confesou que agromou no seu Mazaricos natal, á sombra dun bosque de loureiros, onde observou unha edificación que a levou a tempo pasados, cando as meigas eran suxeitos relevantes da estrutura social. A continuación, a escritora deu lectura a dous pasaxes da novela, nos que se meteu tan a fondo que rematou moi emocionada.
Pechou o acto a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, que, ao igual que Encarna Pego e Manuel Cartea, confesou que Esconxuros para un rei é un libro que engancha desde o primeiro momento e animou ao asistentes a mercalo para desfrutar do relato. Felicitou á autora e brindoulle Boiro tanto a ela como á asociación Barbantia para presentacións futuras.