Apoloxía do compromiso. Ánxela Franco

Patricia Torrado TRIBUNA

BARBANZA

Patricia Torrado, á esquerda, nunha anterior homenaxe a Ánxela Franco.
Patricia Torrado, á esquerda, nunha anterior homenaxe a Ánxela Franco. CARMELA QUEIJEIRO

02 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito tempo un amigo díxome que había tres cousas na vida que non tiñan volta atrás: a palabra dada, a pedra que tiras e a oportunidade que perdes.

E nestes momentos convulsos e sen sentido que estamos a vivir no mundo faise patente que aquela que non se compromete co presente e co futuro sen esquecer nunca o que nos custou chegar a conquerir dereitos e liberdades, xa considerou que a inacción é a súa bandeira. O de Ánxela era o compromiso, a palabra dada, a loita día a día, a defensa das causas xustas e, seis anos despois, non sei se estivemos á altura.

Un día comentáronme que igual non era tan feminista como eu o contaba, porque tamén lle tiña escoitado comentarios machistas e hoxe gustaríame responderlle que todas fomos criadas nunha sociedade machista e patriarcal, pero iso non fai que sexamos menos feministas, porque deconstruímonos xornada a xornada, porque é a nosa responsabilidade defender a igualdade e co seu «estar no mundo» o seu «estar e ser na política» abriu camiño para as que viñemos detrás.

Arestora estaría indignada co que está a suceder en Palestina, coa inacción do Goberno español e co papel de meras espectadoras da Unión Europea e da Comunidade Internacional. Porque era das de unha empatía aguda, mesmo de cara a quen non llo merecía. Hoxe habería alguén que a catalogase como persoa de alta sensibilidade.

Mais a algunhas das persoas que a queriamos faltounos estar á altura, marchou para o alén coa estreleira de quen en vida se dedicou a acosala e ese día decidiu acalmar a conciencia cedéndolle o seu anaco de tea.

E si é sinxelo —ou non— falar agora destas cousas, segue a notarse a súa falta, coma o primeiro día. Pero antes de reclamala como mártir dunhas siglas é mellor reclamala primeiro como muller e como persoa, inconmensurable. Porque como dicía Rosana Arbelo naquela canción que tanto lle gustaba «se ti non estás a xente faise ninguén».