Rubén Lijó: «Nun rescate son determinantes os fenómenos atmosféricos»

Encarna Pego

BARBANZA

ABRALDES

O ribeirense, heroe de carne e óso, arriscou a vida para salvar outras

29 jun 2025 . Actualizado a las 09:08 h.

Cando semella que sobran deuses a competir, dirixentes que se cren deuses, e ninguén remedia os problemas dos febles, dáme fe no ser humano falar con Rubén Lijó, un heroe de carne e óso, que arriscou sempre a vida para salvar outras. Lamenta que a UE expulsase os refuxiados dos campamentos de Lesbos, e lembra emocionado cando chegou a augas de Libia e viu unha pateira inchable afundindo con 150 persoas, cada quen asíndose a onde podía para non afogaren. El mesmo se botou ao mar para salvar algúns dos náufragos.

—Como chegaches a ser rescatador?

—Unha vez rematados os estudos e, xa casado, traballei como mergullador profesional en diferentes obras submarinas polo litoral español. Cando se afundiu o Prestige, 2002, fun contratado pola empresa encargada de xestionar o salvamento. Colocabamos as barreiras anticontaminación pola costa galega e asturiana, e axiña eran desfeitas polo temporal. No 2004 presenteime ás probas para rescatador en Salvamento Marítimo. Pedían inglés, un ano de experiencia embarcado (estivera en Remolcanosa, no oceanográfico Cornide de Saavedra, etc.), e o máis difícil, a entrevista co xefe de servizo, Fernando Novoa. A el agradézolle que no 2005 confiase en min para ser rescatador dos helicópteros de Gardacostas de Galicia.

—Tiveches moitos destinos no teu traballo?

—Tiven diferentes bases: Almería, Xixón, A Coruña, con gardas no Helimer de Canarias, ou Xerez. No 2006 pedín o traslado para Gardacostas de Galicia. Primeiro no Pesca 2 de Celeiro, ata 2009, onde participei nas misións máis difíciles que lembro, pola meteoroloxía da zona. Nun rescate son determinantes os fenómenos atmosféricos, e tamén se é de día ou de noite. Se sumamos ondas de 7-8 metros é un rescate en extremo complexo. E no 2009 pedín para o Pesca 1 de Vigo, ata que no 2022 unha lesión de columna me apartou de ser rescatador.

—E como viches o horizonte laboral?

—Comecei unha etapa como instrutor, formando persoal de elite da Garda Civil (GRS) na Academia Galega de Seguridade (AGASP) en materia de salvamento. No 2024 ofrécenme a oportunidade de formar persoal militar na Base Naval de Rota (U.S. Navy e diferentes Forzas Armadas Españolas). Alí puiden voar nos SH 60 Seahawk da Armada, en voos de instrución, un soño para min despois de ter voado sempre en helicópteros civís. Mais a empresa perdeu o contrato coa Armada e tiven que buscar algo novo. Tras o envío de currículos chamáronme dunha empresa en Emiratos Árabes Unidos, para ser instrutor SAR en Abu Dhabi, e aquí levo uns meses.

—Cóntame das túas viaxes de voluntariado

—Fun varias veces ao Sáhara levar xoguetes e calzado cos amigos no meu todoterreo, e tamén fun coa muller e os fillos regalar 15 bicicletas. Imposible esquecer aquela ledicia compartida. Decateime de que levaba pouca cousa para tantas criaturas. Busquei camións 4x4, vellos e baratos e, casualmente, o Pegaso de Protección Civil de Ribeira ía ir ao despece tras 30 anos de servizo e moitas avarías. Merqueino, repareino de chapa e mecánica, e nuns meses estaba operativo. O verán de 2016 foi terrible en lumes. Colaboramos na extinción en Balteiro, a Cascada, e zona do hospital. Eu viña de Vigo de traballar no Pesca 1 ás 11 da noite, e collía o camión para ir poñerme a disposición dos mandos que coordinaban as tarefas. Ese camión era bo para os lumes, mais non podía facer viaxes humanitarias con el.

—E cal foi a solución?

—En Madrid retiraban os camións de 30 anos, e algún era 4x4 (indispensable para ir a África). Fun e collín outro Pegaso. Era da Unidade de Mergullo dos Bombeiros de Madrid. Así tiñamos dúas unidades: unha de loita contra incendios e outra de carga para viaxes solidarias. No 2016, despois de vir do rescate de refuxiados sirios, con Open Arms, na illa de Lesbos, souben que moitos deles ían á Xungla de Calais. Uns 10.000 pasaban o inverno en tendas. Publiqueino nas redes e xuntamos mantas, sacos de durmir e tendas, e marchamos. Entregamos todo en Dunkerque. Quedei uns días a fender leña para fogueiras.

—Despois fuches a Ucraína, non si?

—Si, fun. Terrible ver nas noticias miles de persoas a fuxir das bombas sen poder facer nada. Ucraína estaba moi lonxe. Ou talvez non! Un amigo, bombeiro de Tomelloso, escribiume un WhatsApp: «Qué, vamos?». Ao tempo el recibe un meu: «Cando saímos?». Aos cinco días de estalar a guerra estabamos alí. Tiven o apoio do Concello, Servizos Sociais, Cáritas, Parroquia, e un longo etc. Levamos comida de nenos e medicamentos. Entramos alí escoltados polo exército ata a zona de recollida. Trouxemos refuxiados a España: mulleres e nenos. Logo, grazas ao meu compañeiro de viaxe, conseguimos que Iberia nos cedese 50 prazas nun avión de Budapest a Madrid para refuxiados, e fomos buscalos alá nun autobús. Viñeron a Ribeira 22. Algúns volveron e outros son xa ribeiráns.

Pero, de todas as misións que fixo Rubén, do que sente máis orgullo é da familia que forma coa muller, Ana, e os fillos, Iago e Andrés.

PERFIL

De peón de albanel ao voluntariado

Rubén Lijó naceu en Boiro no verán de 1979 e, debido ao traballo de seu pai, viviron temporadas alí e outras en Ribeira. Estudou no Santa Baia, no Grupo, no Bayón, e rematou EXB en Frións. Foi logo para o IES Nº 1 ata COU. Logo decantouse por TAFAD (Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas), e logo o Ciclo Medio de Mergullo profesional na illa de Arousa.

A actividade física sempre foi o seu principal entretemento —facía plan semanal coas diferentes disciplinas: carreira, natación, tenis, bicicleta, hóckey a patíns, baloncesto—; o atletismo foi o que máis tempo e esforzo lle ocupou.

Comezou moi cedo a traballar. O primeiro emprego foi como peón de albanel, aos 14 anos. Traballou todo o verán para mercar unha Vespino e ir adestrar cos de atletismo á Fieiteira, a Palmeira e á Pobra. Logo xa non parou. Traballaba para custear os seus gastos: zapatillas e roupa deportiva ou gasolina para a moto.

Traballador incansable

Foi xardineiro, pintor, camareiro, pincha discos. Tamén traballou en conserveiras: Fridega, Busoms e Congalsa. Naquela época saía do traballo case de día e ten ido adestrar sen durmir. Ás veces compaxinaba un traballo de día e outro nocturno, mentres procuraba sacar BUP e COU. Nadaba acotío no mar, e ía a atletismo. Foi voluntario en Protección Civil, Cruz Vermella e socorrista no Vilar.

Ademais de traballar, Rubén Lijó sempre foi voluntario con maiúsculas. A última colaboración foi na dana en outubro do 2024, pola escaseza de auga potable e alimentos. Pediu vacacións no traballo, fixo unha recollida de alimentos e auga. Kiko, de loxística Garmou, ofreceulle un camión que se encheu en tres horas, e marchou. O propietario foi horas máis tarde noutro. Ao chegar descargaron nun pobo ás aforas. Abríronlles un pavillón para deixar as cousas. Volveron a Ribeira coa misión case cumprida. Descansou unhas horas, colleu a súa furgoneta, cargouna con máis comida, e volveu a Paiporta, onde quedou uns días colaborando cos servizos de emerxencias. Finalmente regresou á casa: tiña que volver ao traballo na Base Naval de Rota.