Pichos de auga

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

ALBERTO LÓPEZ

08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A vaga de calor que vimos sufrindo fainos reflexionar seriamente sobre o futuro —e tamén sobre o presente— das nosas cidades cubertas de cemento e asfalto. Este modelo urbanístico, deseñado sen ter en conta as condicións climáticas actuais nin futuras, resulta insostible. Xa non podemos soportar máis esta realidade abafante. Urxe repensar as nosas vilas e cidades con criterios ambientais e humanos, porque a evolución do clima apunta a que a calor extrema non só non desaparecerá, senón que irá en aumento ao longo das vindeiras xeracións.

A primeira medida que deberían tomar os alcaldes e responsables municipais é a de encher as rúas de árbores. Non é unha cuestión estética, senón de supervivencia urbana. As árbores, ademais de absorber dióxido de carbono e outros contaminantes, proporcionan sombra e baixan a temperatura ambiental ata dez graos, facendo os espazos públicos máis habitables e saudables, favorecendo o paseo e as compras no comercio de proximidade.

Outra medida clave é reintroducir a presenza da auga nas cidades. Historicamente construíronse fontes, acuedutos e muíños sen consumo enerxético. Hoxe, tamén podemos crear circuítos pechados e sustentables que manteñan a auga circulando día e noite. Cada recuncho pode ter o seu sistema de rego fresco, fontes con pichos botando auga, pulverizadores para refrescar o aire, fervenzas artificiais urbanas ou mesmo pichos de auga vertical.

Cómpre analizar a orografía local e aplicar solucións adaptadas que nos permitan vivir sen sufrir continuamente estas perigosas ondas de calor. E urxe aplicalo, canto antes.