Mortos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

MARCOS CREO

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada semana fíxose viral un vídeo colgado nas redes baixo o título Primera noche de vacaciones en la Ribera Sacra (Orense), no que unha parella de turistas se burlaban da tranquilidade dunha casa vacacional da Ribeira Sacra a carón dun camposanto. Mentres el describía as vistas exclamando que «os veciños non lle ían molestar», a muller ría a escachar.

Aparentemente inofensiva, a escena revela unha dobre falta de respecto: por un lado, ao deturpar a toponimia galega, perpetuando nomes franquistas como Orense e Ribera; por outro, por evidenciar unha fenda cultural fonda e incómoda. A burla aos mortos fala, en realidade, da visión que na Meseta teñen da morte. En Galicia, pola contra, a morte non é tabú nin ruptura: é tránsito e continuidade.

Que veñan a Noia e vexan como os mortos conviven cos vivos en pleno centro histórico, a carón da igrexa de Santa María a Antiga. Que llo digan a César Portela, que soñou un cemiterio aberto ao mar en Fisterra que aínda nos interroga, un lugar no que ninguén quere ser soterrado.

Aquí os mortos non se esquecen: celébranse, chámanse polo nome, lévanse nas lembranzas e nas flores de cada mes de novembro. A nosa relación coa morte é íntima, cultivada. Para nós, morrer non é desaparecer, senón transformarse. Os turistas que nos visitan deberían facelo con curiosidade e respecto, informarse antes dos nosos rituais e do noso xeito de vivir, e sobre todo, ser respectuosos co pobo que os acolle en vacacións.

Burlarse de Galicia como fixeron estes imbéciles —porque ademais cólgano en redes— é favorecer a turismofobia que está emerxendo.