
Vivimos na contradición permanente, na disxuntiva constante. Nunha sociedade na que está de moda o slow life e nos bombardean con mensaxes sobre baixar o ritmo de vida e desfrutar do momento sen présa, non temos parada nin en vacacións. A cantidade de estímulos que recibimos é incompatible con esa filosofía de vida relaxada que nos queren vender. Que ó final é do que se trata, de vender.
Que se festivais, un cada fin de semana, e incluso dous, para escoller; que se concerto de fulano e de mengano e a festa de máis alá; o chiringuito que non podes deixar de visitar; as mellores vistas do solpor que non podes perder; a experiencia única de navegar nun veleiro, nunha goleta ou nunha gamela, xa postos; os restaurantes que tes que probar ou te arrepentirás; o terraceo nos locais máis top ou as praias máis espectaculares nas que perderte (entre unha multitude). Total, un solapamento de actividades e posibilidades que fai que unha acabe as vacacións cunha mestura de sensacións, entre o empacho de tanta oferta de ocio e a sensación de non ter aproveitado ben o tempo por non ser capaz de tachar da lista nin a metade de semellante abanico de posibilidades.
Iso da vida tranquila está moi ben, pero hai que darse brío para non perder oportunidades, para acumular experiencias, unha tras outra, para estar en todas partes. Despois xa irás a un spa a desestresar. Hai que vivir o momento.
O caso é que parece que o descanso está sobrevalorado, e deitarse tranquilamente nunha praia calquera cun libro parece unha perda de tempo, tirar co precioso e escaso tempo que temos. Persoalmente, prefiro iso a acabar empachada.