Turismo negro

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de la aldea de Ferreira, en Quiroga, afectada por el incendio de Larouco una vez que pasó a la provincia de Lugo.
Imagen de la aldea de Ferreira, en Quiroga, afectada por el incendio de Larouco una vez que pasó a la provincia de Lugo. ALBERTO LÓPEZ

26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As vítimas dos incendios destes días, ademais de perderen as súas propiedades, enfróntanse agora a un novo tipo de agresión: os turistas morbosos que visitan as aldeas calcinadas para sacar fotos do desastre.

Moitas veces fano sen pudor, sen preguntar, sen mirar aos ollos da xente que aínda cheira a fume e loita por recuperar a dignidade entre cinzas. Moitos deles publican esas imaxes nas redes sociais, coma se fosen trofeos ou obras de arte contemporánea, á caza de likes, seguidores e aprobación virtual. Ás veces penso que estamos involucionando como especie. Como é posible que alguén vexa beleza ou interese nun lugar que representa dor, medo e perda? Non se trata de documentar a realidade con fins xornalísticos —para iso están os profesionais dos medios de comunicación— senón de consumir desgraza allea como espectáculo. Esa actitude só revela unha fonda falta de empatía.

Moita desa xente que vai ao campo co móbil na man nunca sentiu a terra entre as mans nin soubo o que custa erguer unha casa cunha vida enteira de esforzo. Viven en cidades cómodas, con estómagos cheos, mesa posta por mamá e a cama feita. Viven afastados da realidade do rural, e probablemente morrerían de asco se tivesen que pasar un inverno nunha aldea sen fibra óptica, internet nin calefacción.

As aldeas queimadas non son postais nin parques temáticos. Son fogares destruídos, a memoria familiar perdida, os recordos soterrados para sempre. Por iso, antes de coller o móbil para facer unha foto, cómpre lembrar que detrás de cada cinza hai unha historia real. E esa historia merece respecto.