O camiño do Brañal

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34’, 8 N

BARBANZA

Atopar aparcadoiro non é doado en ningures e tampouco en Palmeira

27 ago 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Atopar aparcadoiro non é doado en ningures e tampouco en Palmeira. Cada vez son máis as trabas que se poñen e ás veces dá a impresión de que algunhas das prohibicións están feitas adrede para amolar a alguén ou quizais en beneficio duns poucos e en prexuízo da maioría.

Hai uns días apareceron pintadas unhas liñas amarelas e unhas sinais verticais espetadas que prohiben aparcar ao longo da parte esquerda do camiño do Brañal que, nomeado así polo gran paisano Chousa (tódolos camiños, rúas e prazas foron nomeados durante a súa brillante e dilatada etapa de edil), comeza na esquina de Baldomero e dá servizo a un limitado grupo de casas.

Vaia por diante que a este escribidor, aínda que lle meten menos multas por mal aparcamento das que merece, gústalle que se dea preferencia aos peóns. Pero tamén é verdade que cada vez llo poñen máis difícil aos clientes condutores aos que lles gusta tomar un café, saborear un mencía ou charlar no agradable paraninfo do bar Baldomero. Sucede que, coas recentes limitacións, ao xusto prezo das consumicións do local, a pouco que un se despiste, haberalle que engadir cen euros de pronto pago da sanción pola prohibición de aparcamento nunha zona ben pouco conflitiva polo tráfico.

Por non falar das sinais tal como están que, a falta de limitación das mesmas, préstanse a considerar que está prohibido aparcar en todo o vieiro esquerdo do camiño, ata o mesmo monte! Un pouco esaxerado non si? Por outra banda, lémbrome ben que fai máis de tres anos cando, a petición duns veciños, escribín un artigo pedindo aos responsables de tráfico que quitasen os caixóns da vasoira da esquina onde se atopan e os desprazasen un pouco fóra, para darlle maior visibilidade aos condutores que se incorporan á estrada xeral vindo do porto. E, ao mesmo tempo, pedía que o paso de peóns que está a corenta metros o puxeran, por pura lóxica, entre a farmacia e o bar Baldomero. Pero nin caso. En lugar diso, pola velocidade coa que circulan os coches nesa recta, deixaron o perigo á sorte dos condutores que se incorporan á estrada.

Ao que ía, como animal de costumes que son, por moitas sinais e trabas que poñan eu seguirei indo a ese local do que lles falaba coa esperanza de que os responsables de tráfico se dean conta da esaxeración do recente dispositivo de prohibición de aparcamento. E mentres a cousa siga así tratarei de que as arcas municipais non engorden cos meus cen euros polo pronto pago da sanción. Pois xa bastantes levo pagados.