Romaría de San Ramón: A voltas coa súa orixe

Antón Rodríguez Gallardo

BARBANZA

MARCOS CREO

01 sep 2025 . Actualizado a las 11:42 h.

Nunha pintoresca chancela de ermida, palco de pedra e cruceiro, celébrase tódolos 31 de agosto unha sonada romaría na honra de San Ramón, relixioso mercedario e cardeal catalán que naceu e viviu a inicios do século XIII. Das máis concorridas da volta, atrae particularmente a mulleres na busca dun remedio para a esterilidade ou, como asegura a copliña (As neniñas cando paren /lémbranse de San Ramón) para pedirlle ao santo un bo parto.

A orixe desta festividade católica remóntase a mediados do século XVIII, cando se erixe o pequeno santuario e, por iniciativa de José Bravo de Castro, cura da parroquia, queda instituída a fundación de San Ramón. Mais detrás desta celebración de marcado carácter cristián parecen asomarse aínda vellas crenzas arraigadas nun afastado pasado que adquirirían a aparencia actual modeladas polo tempo e as xentes. Enigmáticas rochas, folclore e evidentes signos de cristianización do lugar dan verosimilitude á hipótese de que este espazo fora un lugar reservado para a liturxia dunha relixiosidade primitiva, de tradición prerromana, efectiva desde tempos remotos ata o século XVIII en que é construído o santuario.

Neste sentido, hai que lembrar que as xerarquías da igrexa, ávidas por evanxelizar, esforzáronse xa dende inicios da cristiandade en erradicar ou, cando isto non foi posible, vernizar de cristianismo ancestrais ritos. E alá onde se daban cultos pagáns promoveron a edificación de santuarios, capelas ou ermidas. Deste tipo de evanxelización abondan exemplos en Galicia con casos tan coñecidos como a Virxe da Barca, San Andrés de Teixido ou A Lanzada. Aínda hoxe nestes e noutros moitos lugares máis xunto ao culto católico sobreviven ritos de clara feitura precristián, como a tradición muxián do abalo da pedra ou o baño das sete ondas na praia d’A Lanzada, tradicionalmente vinculado á fertilidade feminina.

Un interesante traballo de J. A. Fernández Castro, no seu día mestre da unitaria de Bealo, saca á luz a existencia dunha serie de gravados nos rochedos do contorno da capela de San Ramón. Unha das rochas, próxima ao denominado «castriño», amosa unha figura serpentiforme orixinaria, segundo o investigador, da época castrexa, arrodeada por varios símbolos cruciformes, neste caso datados entre os séculos XVI e XVIII.

No contexto da etnoarqueoloxía galega, as serpes ocupan un lugar destacado, tanto que Florentino Cuevillas e Fermín Bouza-Brey, prolíficos investigadores do prestixioso Seminario de Estudos Galegos, chegan a falar dunha ofilatría castrexa, dun culto precristián da serpe. Amais doutros posibles significados, débese ter moi en conta o vencello dos réptiles coa idea de fecundidade (e de fecundidade aínda se fala hoxe na romaría de Bealo).

Por outro lado, o folclore da parroquia, afirma no seu traballo J. A. Fernández, fala de antigos cultos ás árbores, fontes, encrucilladas de camiños e, sobre todo, rochas. Neste senso, o Padre Sarmiento, home da Ilustración e destacado investigador da cultura e historia galegas, dá noticia da existencia nalgúns lugares de Galicia de laxes, coñecidas como «camas de pedra», onde se deitaban as parellas estériles en busca de remedio ao seu problema de fecundidade.

Estas prácticas supersticiosas relacionadas coa fertilidade e baseadas na crenza do poder fecundador transmitido por estas pedras aos que sobre elas fornicaban, foron detectadas aínda no primeiro terzo do século XX polos investigadores da Xeración Nós.

Sexa como fora, dende tempos moi afastados, romeiros e romeiras achegáronse a esta enigmática paraxe da parroquia de Bealo movidos pola súa fe relixiosa. Con máis espírito festivo e de socialización que fe nas milagres cada 31 de agosto na actualidade séguese a celebrar a festa na honra de San Ramón, nomeada dende hai uns anos festa de interese turístico galego.