Ramón del Valle-Inclán e Victoriano García Martí promocionaron notablemente a ritual procesión das mortallas a través das súas crónicas e obras literarias
22 sep 2025 . Actualizado a las 14:35 h.ebemos a dúas ilustres figuras da Pobra do Caramiñal a notable promoción exterior desta teoría de féretros que é a procesión ritual das mortallas ofrecidas a Xesús, o Nazareno, por voto piadoso de milleiros de persoas crentes. Dúas personalidades senlleiras da identidade racial e cultural desa Galicia eterna de romarías campesiñas: un, o fillo adoptivo Ramón del Valle-Inclán, outro, o fillo predilecto Victoriano García Martí, finos ourives da palabra que coas súas suxestións escritas, ficcións artísticas, crónicas xornalísticas e parladoiros célebres pregoaron o milagre deste solemne desfilar de devotos disciplinantes, portadores de cadaleitos, mortallas e fachóns acesos pola fe. En especial, á repercusión do denso corpus de crónicas nazarenas escritas por García Martí, inspiradas pola intensidade propia da meditación interior, da verdade sentimental ou reflexión emocional. Publicadas e radiadas na prensa galega, nacional e internacional nos anos 40, e máis frecuentemente nas décadas de 1950 e 1960, ás que sumar algunhas reportaxes gráficas doutras plumas en revistas belgas, francesas, italianas e españolas.
De certo, é moi probable que ese ronsel de marabillas animara a primeira das gravacións de cine coñecida sobre esta manifestación impresionable, Espagne. Les Morts vivants de Puebla del Caramiñal (1959), película producida polo noticiario Journal Actualité Gaumont, filmada en formato 35 mm. para a gran pantalla. Trátase dun documental, en parte dramatizado por figurantes da veciñanza, con ritmo e imaxes que describen o valor patrimonial do rito como símbolo visual, que infunde o respecto do enigma. A reportaxe fai uso da cámara con perspectiva estética e matiz emocional en escenas, planos, accións e tipos humanos característicos da máis arcana tradición viva do Barbanza.
Conservamos copia en positivo do orixinal, realizada polo fotógrafo local Francisco Quintana, a que se proxectaba no Cine Elma días antes da festa grande. Lamentablemente privada dos créditos de produción e do audio que acompañaba ás imaxes na cinta orixinal, aquí ignotos, en branco e negro e muda. Foi recuperada polo Museo Valle-Inclán grazas á colaboración de José Creo e depositada no CGAI-Filmoteca de Galicia. O orixinal desta cinta, celuloide con imaxes a color e locución informativa, nos Gaumont Pathé Archives.
Adaptación
Contemporánea súa é a película comercial Sonatas o Aventuras del Marqués de Bradomín (1959), coprodución hispano- mexicana de Uninci e Producciones Barbachano Ponce, realizada por Juan Antonio Bardem. Ambiciosa adaptación das Sonata de Outono e Sonata de Estío escritas por Valle-Inclán, este filme, rodado en formato de 35 mm., parece influído polas derivas do neorrealismo italiano. Bardem excede os tempos do marco cinematográfico e vese obrigado a recrear tan só dous episodios concretos dun texto tan amplo, as peripecias do aristócrata no medio de disputas políticas, históricas e amorosas, que superpón en dous espazos: a España de 1824 e o México da década seguinte.
Na primeira parte da cinta, aventura romántica que se trunca traxicamente, inclúe con preciosismo fotográfico a presenza da tradición cultural galega e parte do noso repertorio etnográfico e imaxinario mítico. Velaí o exorcismo e, sobre todo, a procesión de cadaleitos fechados e de ofrecidos a pé rodada no vedro Combarro, cadro dramático inspirado nas imaxes icónicas dun rito conmovedor e de valor lendario: a función penitencial das mortallas do Nazareno a esta ribeira da Arousa.
Algúns anos máis tarde, a mesma admiración por este ritual votivo materialízase na curtametraxe Negra Sombra. La procesión de las Mortajas o del Nazareno (ca. 1966), produción de Carballal Films (A Coruña), realizada por Antonio Docampo García, pioneiro do cine documental galego e un dos primeiros cineastas a escala mundial capaz de obter proveito comercial dun formato que naceu como amador, o súper-8.
Esta película, filmación de imaxes a color con acompañamento musical, denota o propósito de sintetizar os momentos significativos dun cortexo penitencial con pouso histórico e que transcende nos símbolos empregados para dar visibilidade pública ao trunfo das vidas rexurdidas. Criterio que guía a alternancia de tomas xerais das rúas por onde transitan os nazarenos con primeiros planos destes. Expresión, en suma, da latría popular a un Bo Xesús proclamado polo Concilio de Trento, do fervor relixioso, da heterodoxia que inspira rostros de desexo e gratitude, de esperanza e afouteza espiritual. Engádelle dramatismo á reportaxe a incorporación da melancólica melodía composta por Juan Montes a partir do poema propio de Rosalía, interpretada pola Agrupación Musical Albéniz.
Finalmente, na historia do noso cine deben ser citados os rexistros do Equipo Lupa de cinema independente. Activo no período de 1971 a 1974. Foi o primeiro grupo que, sorteando a censura e as limitacións técnicas, emprendeu un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galicia e en galego. En palabras do seu promotor, Euloxio R. Ruibal, guionista e director da maioría das filmacións, «interesábanos a temática etnográfica, éramos conscientes da urxencia de recoller certas manifestacións que non tardarían moito en perderse ou en evolucionar cara espectáculos para turistas ou cidadáns galegos transculturizados».
Equipo Lupa percorreu Galicia e rexistrou en pequenas pezas filmadas en formato 8 mm. escenas etnográficas e costumes que aluden á memoria colectiva do país, que nos explican a nós. O resultado foron nove títulos de cine amador, entre eles A procesión das Mortallas (1972), documental sobre a idiosincrasia do culto cristolóxico e o valor da tradición milagreira do Nazareno da Pobra. Parábola da redención, descrita nas imaxes e na poética narrativa dunha reportaxe mediatizada polo mundo do teatro contemporáneo e do cineclub. «Xa por aquel entón comezara un proceso de transculturación, onde a xente foi perdendo a súa cultura... Hoxe non existe ese sentimento de arraigo e pertenza a un lugar, e por tanto, a unha comunidade. Non existe o compromiso e necesidade de preservar esas festas onde se reúne a familia extensa... Perdemos unha cultura milenaria, a agraria, pero non a substituímos por outra. A cambio de que? A xente está desorientada».
Este ronsel de películas, as máis delas documentais, son testemuña privilexiada e fonte de información directa dun tesouro identitario de nós e da nosa terra, bens dun patrimonio inmaterial de Galicia con orixes e prácticas centenarias que resiste, con maior ou menor éxito, o paso do tempo. Dende un punto de vista etnográfico, o que máis impacta ao espectador moderno é o contraste da procesión de aparencia fúnebre co escenario da festa. O uso votivo de elementos necrolóxicos que son paseados como trofeos vitoriosos nun arcano rito propiciatorio. O diálogo entre a vida e a morte que o pobo galego exterioriza nestas romarías con absoluta normalidade.
ANTONIO GONZÁLEZ MILLÁN
D
Fotogramas das películas «Sonatas», filmada en 35 milímetros (primeira pola esquerda», e de «Negra sombra», que se fixo en súper 8. FOTos cedidas por antonio gonzález millán
Fotogramas das películas «Sonatas», filmada en 35 milímetros (primeira pola esquerda», e de «Negra sombra», que se fixo en súper 8. FOTos cedidas por antonio gonzález millán
Fotogramas das películas «Sonatas», filmada en 35 milímetros (primeira pola esquerda», e de «Negra sombra», que se fixo en súper 8. FOTos cedidas por antonio gonzález millán