Miguel Joseph Gonzales Soldado, escribán real e procurador da vila do Caramiñal

pastor rodríguez

BARBANZA

Deixou manuscrita unha Historia y armas de la villa del Caramiñal

01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada sabemos da vida de Miguel Joseph Gonzales Soldado agás que era escribán real e procurador do número e Concello da vila do Caramiñal en 1756, en tempos de Fernando VI, pero deixou manuscrita unha Historia y armas de la villa del Caramiñal, que se editou no século XIX na revista Galicia Diplomática da man dos eruditos Luís Gómez Fernández e Fernando Mon Vázquez.

O manuscrito deita luz sobre varios aspectos históricos da vila entre 1580 e 1750, mais lembra tamén algúns feitos medievais.

Asegura que as armas do Caramiñal son, nun escudo redondo de campo azur, un pé de caramiña, xa escasa no século XVIII, con algúns edificios vilegos e o río Campelo que a divide.

Anota que en 1300 a vila do Caramiñal estaba destruída e que en 1400 Estevo de Xunqueiras fixo un foro a prol de Álvaro Denantes e María do Campo, mais non denomina vila o casarío. A continuación escribe que o mesmo señor rematou a capela maior do convento do Xobre en 1452. Refírese tamén á bula de Xulio III a favor da confraría do Sacramento da vila, e anota que en 1555 o Caramiñal xa ten título de vila e que Xiance fundou un padroado de legos na Capela de Alba en 1572.

Da igrexa do Caramiñal asegura que, agás a capela maior, acurtou o corpo da igrexa e que o culto comezou en 1702, sendo párroco Juan Antonio Gayoso Luaces. A igrexa vella acurtouse e pasou en 1756 a ser capela de ánimas.