
Dúas mostras sobre os escritores estarán abertas ata finais de ano
13 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Os boirenses terán á súa disposición, ata finais de ano, interesantes exposicións que lles permitirán achegarse a dúas relevantes figuras das letras galegas. Na casa de cultura poden mergullarse na mostra Castelao e os irmáns da liberdade, mentres que no centro social está Xela Arias. Asinamos ser libres.
A primeira das exposicións é un traballo de Xan Leira, que realiza un percorrido pola traxectoria vital, artística e poética de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Para iso, recorre a testemuñas de persoas que coincidiron con el en diversas etapas.
«Castelao estivo moi vinculado a Martínez López, quen lle dá nome a este edificio, polo que para Boiro é unha honra ter esta mostra na casa de cultura, xa que nos permite, non só achegarnos á historia do escritor rianxeiro, senón tamén á nosa propia historia», afirmou o alcalde, José Ramón Romero, no acto de inauguración. O rexedor estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A mostra do centro social ten carácter divulgativo e fai posible coñecer diferentes aspectos sobre a vida e a obra de Xela Arias, escritora á que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, constituíndo a quinta muller homenaxeada nos 50 anos desta celebración.
A exposición, que xa percorreu diferentes municipios de Galicia, está integrada por unha colección de paneis con textos de Chus Nogueira e fotografías de Xulio Gil.
A inauguración da mostra sobre Castelao contou coa asistencia dun grupo de alumnos do IES A Cachada, pero todos aqueles centros educativos ou colectivos interesados en realizar visitas a calquera das dúas exposicións poden poñerse en contacto co departamento de Educación a través do enderezo educacion@boiro.ga.