Os sereos serán entregados o vindeiro sábado no Pazo de Goiáns de Boiro, coincidindo coa presentación do «Anuario de estudos do Barbanza»
07 dic 2022 . Actualizado a las 16:54 h.Desde que en decembro do 2007 Isaac Díaz Pardo, Xesús Santos e a Asociación O Faiado de Boiro recolleran os primeiros premios da cultura instaurados pola asociación Barbantia e personificados na figura dun imaxinario sereo, o número de galardoados xa se achega ao medio cento ao sumarse, na edición deste ano, a poetisa noiesa Ana Blanco, o poliédrico académico Xesús Alonso Montero e o Museo do Gravado de Artes, destinatarios que acaba de facer públicos a entidade e que, o vindeiro sábado, ás 12.30, comparecerán no Pazo de Goiáns, de Boiro, onde lles serán entregadas as figuras que acreditan a súa designación.
Ana Blanco tivo como rivais á soprano Esperanza Mara e ao pintor Xosé Luís Veiras Manteiga, na modalidade da traxectoria cultural no Barbanza, que seguirán optando ao galardón na vindeira edición. Van ter como rival ao pintor de Ribeira Antonio Pérez, proposto polos socios de Barbantia.
Pola súa banda, un representante do Museo do Gravado de Artes recollerá o sereo da iniciativa cultural no Barbanza, máis que xustificado tendo en conta a intensa actividade que desenvolve todo o ano e con proxección internacional. Impúxose a outros dous museos: o Valle-Inclán de A Pobra e o Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza de Boiro, que tamén desenvolven unha ampla actividade con repercusión máis alá das fronteiras barbancesas, pero que terán outra oportunidade de conseguir o sereo correspondente. No 2023 van ter como terceiro candidato o grupo de música antiga tradicional Os Menestreis, porque así o decidiron os socios.
Figura relevante
En canto ao premio da Cultura Galega, o feito de que os socios de Barbantia incorporaran a Xesús Alonso Montero o ano pasado e a relevancia da súa figura fixeron que se impuxera a Sonia Lebedysnki e a Manuel Olveira. Estes dous últimos terán a Carlos Callón como terceiro acredor na edición dos premios do 2023.
O acto de entrega coincidirá coa presentación do Anuario de estudos do Barbanza, que acada o décimo oitavo volume.
A publicación deste ano inclúe colaboracións de Xosé Ricardo Losada, Manuel Mariño del Río, Manuela Pérez Mato, Antón Rodríguez Gallardo, Xulio Gutiérrez, Milagros Torrado, Esperanza Mara e Esther F. Carrodeguas, Carlos Cimadevila, Esperanza L. Mariño Davila, Pastor Rodríguez, Román Arén, Pilar Sampedro, Emilio García Portosín, Jorge Ramos García e Eme Cartea.
Así mesmo, o sábado, ao remate do acto no Pazo de Goiáns, haberá un xantar de confraternidade no restaurante Arume de Boiro. Os socios que desexen asistir teñen que anotarse antes do xoves 8 polos medios de contacto habituais coa entidade.