Boiro entra de cheo nas súas festas do verán facendo memoria na revista «Folía»

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

Dentro desta dinamización conta cun papel destacable o colectivo cultural Peñas Boiro

24 jun 2023 . Actualizado a las 18:46 h.

Non hai festas sen música, sen foguetes, sen pregoeiros... pero en Boiro tampouco as habería sen a revista Folía, cuxa presentación constitúe a entrada de cheo nas celebracións principais. O acto para dar a coñecer a publicación, os contidos, os significados e ata as decisións tivo lugar na casa consistorial ante un amplo aforo de asistentes ao que contribuíu o feito de que o protagonista desta edición, a raíña, por dicilo dalgunha maneira para que os boirenses asimilen o seu papel, é o tecido cultural do municipio, amplo, variado e cada vez máis grande.

Precisamente foi o técnico de Cultura municipal, Alberto García, o que fixo de presentador do acto, en primeiro lugar, destacando o significado das festas nunha poboación, neste caso, que ademais de ser tempo de desfrute e de celebración, teñen unha función social moi importante, e para mostra o que sucedeu durante as restrición da pandemia: «Ensinounos que a vida en común e a sociabilidade son imprescindibles para unha vida plena, e a cultura, as festas, o xuntarse para expresar o que somos colectivamente é algo esencial». García precisou que as festas son un elemento de cohesión social, xa que durante a súa celebración increméntase o contacto coa veciñanza e compártense espazos comúns. Por outra banda, referiuse ao compoñente económico que teñen as celebracións principais do municipio, xa que contribúen a dinamizar tanto o comercio como a hostalería.

A continuación, Alberto García centrouse nun elemento forma parte da idiosincrasia das festas de verán de Boiro, a revista Folía, que é algo máis que un programa de actividades, xa que aínda incorporando todas as citas cos seus horarios, o peso da publicación son diversos apartados, como o dedicado ao colectivo homenaxeado, que este ano é o tecido cultural boirense.

Na revista refírese ao sector cultural de Boiro en tres apartados: o dos artistas, con grupos musicais como Triángulo de Amor Bizarro, Agoraphobia, The Lákazans; e de músicos como Diego García e Lois Pimentel, moitos dos cales saíron da escola municipal de música. Outro apartado é o empresarial, con exemplos como as empresas de deseño Moai, Serarte ou Juan Ares; A Pousada da Galiza Imaxinaria, Charlatana, Adriana C. Tarela. Mentras que a terceira vertente son asociación como Abeloura, Aroña, Xilbarbeira, A Dorniña, As da Boina, Nunca é Tarde, Arume, Pequenos do Barbanza, Ar de Loureda, Barbantia, Olloboi, Creaturas, Maio Vintage, A Gamela e outras entidades de carácter veciñal que contribúen á dinamización cultural do municipio.

As peñas

Dentro desta dinamización conta cun papel destacable o colectivo cultural Peñas Boiro que ten unha importante influencia xa non só nas festas do verán de Boiro, xa que a organización de actividades vai más alá do mes de xullo, como se veu no entroido, que, grazas á súa iniciativa, converteu á vila en referencia cunha animada festa na noite do luns. En representación da entidade interveu David Laíño, que explicou o programa deste ano, abundante en actividades, que se abrirá cun pasarrúas o venres 30 de xuño, ás 20.00, e concluirá no Parque da Cachada, ás 23.00, co terceiro Remember Fest.

O día grande das peñas será, como de costume, o luns 3 de xullo, desde as 11.30 da mañá e ata primeira hora da noite, despois dunha sesión tardeo con actuacións e música de disyóquey. Laíño subliñou a importancia de que as festas o sexan para todos e agradeceu o apoio do Concello para o seus desenvolvemento.

A concelleira de Cultura, María Outeiral, fixo un repaso pola programación, pero antes destacou o labor do tecido cultural de Boiro, precisando que Boiro, ademais de ser unha referencia a nivel deportivo, éo tamén a nivel cultural, como quedaba demostrado coa ampla asistencia ao acto. Explicou que este ano, optouse por cobrar entrada no concerto de Pamela porque, do contrario, non se poderían traer artistas de primeira fila que teñen un caché moi alto.

Pechou as intervencións o alcalde, José Ramón Romero, lembrando que Boiro marca a estela das celebracións principais de Barbanza e, polo tanto, estas teñen que ser do nivel polo que están a apostar nos últimos anos. Agradeceu o esforzo de todos os que traballaron para facer as mellores festas.