Boiro homenaxea ás cantareiras por construír comunidade

BOIRO

Alberto García, Julio García e Natalia Romero durante o encontro celebrado no pazo de Goiáns
Alberto García, Julio García e Natalia Romero durante o encontro celebrado no pazo de Goiáns CARMELA QUEIJEIRO

Os festival impulsado por Cruz Vermella contou coa participación de distintos colectivos sociais da comarca

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cantos populares volveron resoar onte no pazo de Goiáns, nunha cita organizada pola Cruz Vermella de Boiro que quixo impulsar un encontro entre os distintos colectivos sociais que traballan na comarca e que empregan esta rica tradición oral «para construír comunidade. É un vínculo de unión que temos e que queríamos aproveitar», explicou Natalia Romero, coordinadora da entidade boirense que fixo posible este certame.

As Cantareiras de Cabo foron as encargadas de abrir e pechar o festival cun pequeno repertorio, pero no encontro actuaron ademais os grupos das asociacións Agadea, A Creba, Amicos, os usuarios do centro de día de Boiro, e os alumnos do curso de canto e terapia da Cruz Vermella boirense. Moitos destes artistas non dubidaron en ataviarse con algún complemento do traxe típico rexional ou con algo relacionado co folclore galego para completar a súa posta en escena.

Ademais das entidades sociais que participaron neste festival dunha forma máis activa, tamén se convidou a asistir a representantes doutros colectivos sociais da comarca, como Cáritas, a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) y Barbantea .

Mesa redonda

Precisamente a responsable desta última asociación, Milagros Torrado, foi unha das ponentes na mesa redonda que tamén formou parte deste evento, e na que se repasou a importancia que tivo a tradición oral galega. O técnico de Cultura de Boiro, Alberto García, moderou este debate, no que tamén se contou coa participación de varias integrantes dos grupos Cantareiras de Cabo e a Dorniña de Abanqueiro, coa educadora social Diana Pego e coa artista Antía Romero.

Esta última aproveitou para falar dalgúns dos instrumentos utilizados antigamente para poñer música a todos estes cantos populares, desde botellas de anís ata culleres de pau ou latas; e tamén recoñeceu que este legado non é exclusivo das persoas maiores, senón que hai moitas agrupacións de mozos que actualmente están recuperando toda esta tradición oral.

Como colofón a este primeiro encontro, gran parte dos participantes asistieron a unha romaría popular, que rematou coa actuación dun pinchadiscos.

ACTOS POLA CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

«Axudádeme a cantar» recalará en Carnota

Ata as instalacións do instituto Lamas de Castelo de Carnota viaxarán hoxe pola mañá as artistas Felisa Segade e Montse Rivera, que serán as protagonistas do espectáculo musical Axudádeme a cantar. Esta peza está baseada na novela Agora que vén a noite, escrita por Marcos Calveiro, e aproveitarase a posta en escena para repartir exemplares gratuítos entre os estudantes de secundaria deste centro.

Os nenos serán os protagonistas na Pobra

Os integrantes do grupo Barafunda Animación serán os encargados de poñer hoxe a proba as destrezas dos 300 alumnos de primaria dos colexios Salustiano Rey e Pilar Maestú nun orixinal xogo das letras. Baixo o título Coa voz en festa, desde as 10.00 e ata as 13.00 horas, os escolares percorrerán dez estacións con probas guiadas por personaxes que representan figuras clave da nosa música e identidade.

Concerto das corais municipal e do Mercantil

Dentro da programación especial con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o auditorio municipal de Ribeira será escenario esta tarde dun concerto especial no que actuarán os membros da coral municipal e a do Círculo Mercantil. A cita está prevista para as 20.30 horas e a entrada será libre ata completar o aforo do recinto ribeirense.