
Pon en valor a importancia desta xornada na que se xuntan milleiros de persoas no parque da Cachada
07 jul 2025 . Actualizado a las 15:59 h.FRAN BREA, LA VOZ
luns das festas de Boiro está marcado para moitos en vermello no calendario. A celebración do Día das Peñas no parque da Cachada congrega a milleiros de persoas e como asegura o presidente da asociación encargada da súa organización, David Laíño, os que non acoden a divertirse é por «causas de forza maior».
—Por que gusta tanto o Día das Peñas en Boiro?
—Porque é unha xornada na que se xunta toda a pandilla. No caso dos que xa son algo máis maiores, moitas veces, polas circunstancias de cada un, é máis difícil reunirse e o luns das festas, vense todos na Cachada. Se hai algún día que ninguén se perde, é o das peñas, iso está claro. Fíxose o luns porque antes non había nada ese día, a xente nin baixaba. Agora non hai unha habitación libre en todo o concello para a noite do luns ao martes e é a xornada preferida dos boirenses.
—O que xa semella un gran acerto foi trasladar a festa ao parque da Cachada.
—Pos si. Fíxose cando naceu a asociación, no 2018, porque o ano anterior, na praza de Galicia había moita xente e xa podía ser un pouco perigoso ao estar ao carón da rúa Principal. Na Cachada é máis seguro para todos e non molestamos a ninguén. É unha xoia que temos en Boiro e hai que coidala. Temos un pobo con moita vida e pretendemos que siga sendo así.
—A celebración aínda podería ir a máis?
—Podería se trouxéramos unha actuación grande, pero entendemos que non é necesario. Igual habería moita máis xente e perderíase un pouco o espírito de estar cos amigos. Temos que mantela neste nivel, que creo que é moi bo.
—Tamén está o Remember Fest e o resto de actividades que fan durante o ano, aínda quedan ganas para organizar máis?
—Esta xa é a quinta edición do Remember Fest, que xa está consolidado no primeiro día das festas. Nesta ocasión co aliciente do inicio da xira do 25 aniversario de Soniko DB. Este ano tamén impulsamos unha andaina solidaria e en novembro vamos a facer unha cea benéfica. Pecharemos o 2025 con seis eventos.
—Cantas peñas pode haber o luns na Cachada?
—Mantense o número nunha quincena. Algunhas xuntáronse e tres ou catro teñen máis dun centenar de membros.
—Ter tanta xente xunta non será sinxelo de controlar.
—A experiencia é un grado e fomos a primeira asociación en ter seguridade privada polo ben de todos. Temos catro vixiantes e ante un mínimo incidente, están eles xa para actuar.
—Por sorte, parece que a xente está concienciada de pasalo ben e ser respectuosa.
—Nas normas do peñeiros están o respecto e a colaboración. A maioría dos asistentes son responsables. Logo está o tema do botellón, que o campo queda cheo de lixo. Intentamos traballar para que iso non pase, aínda que está claro que non é un problema só a nivel local.
O
Laíño destaca o traballo que fai a asociación. FOTo Marcos Creo