
O rexedor destaca que Boiro «párase ese día» para acudir en masa a una romaría que mestura cultura, gastronomía e relixión
30 ago 2025 . Actualizado a las 05:10 h.Nunha aldea de Boiro celébrase unha das festas campestres máis concorridas de toda comarca. Trátase do San Ramón de Bealo, unha romaría que pecha o mes de agosto e á que José Ramón Romero acode desde neno. Desde hai uns anos faino en calidade de alcalde, o que lle confire un plus de responsabilidade.
—As festas de San Ramón de Bealo son unhas das máis multitudinarias do rural de Boiro e incluso da comarca. Cal é o segredo dese éxito ano tras ano?
—Eu creo que non hai segredo, senón moita tradición. A romaría de San Ramón conta con máis de 260 anos de historia e cada ano atrae a máis romeiros que celebran esta festa non só o propio día senón durante a semana de actividades que organiza a comisión. Unha romaría tradicional, que mestura cultura, gastronomía e tamén esa parte relixiosa, sumado a que habitualmente é festivo local e unha das datas que marca o fin do verán, creo que son as claves de que sexa unha das festas máis esperadas polos boirenses.
—Que é o que máis lle gusta desta festa?
—Boiro párase ese día, todo está pechado e todo o mundo está en San Ramón. O que máis me gusta é ver a xente que habitualmente o resto do ano non vexo ou coa que non coincido a miúdo. Alí chegas pola mañá e marchas pola noite e non paras de saudar amigos e coñecidos.
—Xa gozaba do San Ramón de pequeno? Como vivía esta festa?
—Pois si, dende pequeno lembro xa ir á festa do San Ramón e dende aquela faltei en moi poucas ocasións. É certo que foi cambiando e adaptándose porque nos últimos anos colleu moito auxe, pero mantén esa esencia que recordo de cativo dunha festa familiar.
—Como a vive agora como alcalde? Que destacaría dela?
—Agora cun pouco máis de responsabilidade, porque unha festa con tanta xente e durante todo o día require dun dispositivo especial de seguridade e dunha planificación previa, pero tamén no propio día.
A pesar diso, sempre me gusta desfrutar do polbo nunha das pulpeiras que eses días se instalan e pasar unha tarde agradable e tranquila.
—Son unhas festas moi familiares e de grupos de amigos ás que acode xente de todas as idades. Podería dicirse que é unha cita interxeracional...
—Pois si, unha festa que desfrutan dende pequenos ata maiores. Se dás unha volta polo monte á hora de comer podes ver familias enteiras con ata tres xeracións que se reúnen ese día para estar xuntos, e iso é algo moi bonito.
—Que é o máis complicado na organización? Como valora o traballo da comisión?
—Para o Concello o máis complexo é a loxística, pois son moitas as persoas que se achegan durante todo o día a San Ramón e sempre poden xurdir incidencias. Pero o traballo máis arduo é o que fai a comisión, pois eles son os que programan, contratan e traballan durante todo o ano para que poidamos desfrutar das festas das nosas parroquias. A colaboración do Concello é importante, pero sempre me gusta destacar o traballo que fan as comisións de festas, pois traballan de forma altruísta e sen elas non sería posible que Boiro tivese a actividade cultural que ten a día de hoxe.