Uvas de setembro

Guadalupe Vázquez Formoso LABIRINTO DAS SOMBRAS

CARNOTA

.

12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro aquelas uvas de setembro en Quilmas e ao meu avó esmagándoas de maneira incesante, igual que a couza empeña todo o seu ser en esgazar madeira.

Eu axudábao e tamén o observaba, estudando a súa expresión desde o anonimato que me permitía a súa propia concentración no traballo. Lembro aquel orgullo polo humilde viño feito por un mesmo. «É o que mellor sabe», dicía.

Aquelas lembranzas lévanme a pensar no rural galego. Cada casa baleira é un suspiro que se perde no vento. As aldeas, un día bébedas de algazara, gardan agora un silencio espeso. As ventás pechadas son ollos que xa non miran e as lareiras deixaron de prender lume.

Algúns vellos seguen alí, si, a sentarse onde sempre, lembrando paraísos perdidos que se manteñen atrincheirados no fondo dos seus cerebros e no núcleo dos seus corazóns. Contando historias que ninguén máis cantará.

Mais o rural non morre de golpe: sobrevive nos pequenos xestos de quen volve á terra, no sorriso dun neno que aprende a camiñar entre os carballos, na flor que nace nunha horta.

A modernidade trae promesas, pero tamén deixa baleiro.

E, mentres o vello agarra o fío das lembranzas, a pregunta queda suspendida no aire: saberemos escoitar o que queda do rural antes de que o silencio o abrase todo?

Eu, igual ca os vellos, lembro.

Lembro as uvas de setembro en Quilmas.