Protexer o monte

Ciprián Rivas VELAÍ

LOUSAME

Ciprián Rivas

23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Se tomamos en consideración a referencia das hectáreas de monte queimadas o pasado ano (2.592 en toda a comunidade) con respecto ao 2023 (6.748,9), vemos unha baixada dun 60 % polo que se reflicte un avance importante na xestión da industria do lume no territorio. O pasado día 2 do mes en curso en Tállara, concello de Lousame, o lume queimou 30 hectáreas e polo de agora as comarcas de Barbanza, Muros e Noia están zafándose. Pero non se debería cantar vitoria, pois estamos nos meses máis complicados do ano e cando menos se agarde, salta a lebre.

Comentan os expertos na xestión do monte que a maioría dos incendios están relacionados con accións humanas, contando que entre un 50 e 60% son intencionados e os demais están relacionados coas actividades agrarias, recuperar terreo para as faenas, queimas do mato, ou para ampliar terreos que poden ser urbanizados. Dentro de esta casuística está, tamén, a piromanía, un trastorno de carácter psicolóxico que produce un grande dano o ecosistema.

O coidado dos montes así como dos parques naturais, neste caso o de Corrubedo e lugares que limitan directamente con el, caso de Couso en Aguiño, son as ferramentas necesarias para evitar traxedias, en moitos casos, irreparables. Ao pasear polos nosos bosques obsérvanse ramas caídas, piñas, silvas, material combustible de primeira orde xerando unha sensación de perigo e de medo a que en calquera momento se desate a traxedia. A protección do monte debería ser unha tarefa de todos, tanto institucións como persoas, e a ese empeño deberíamos responder todos.