«Do novo disco temos as cancións, pero non lle temos o nome»

Carlos Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

MUROS

MARIA SANTAMARIA

O gañadores do premio MIN ao mellor álbum galego de 2024 ofrecerán un concerto gratuíto o sábado no parque da Xunqueira

24 may 2025 . Actualizado a las 11:15 h.

Irrumpiron desde Muros na escena musical galega como un avión. Pero non foi co seu primeiro disco, nin co segundo, nin co terceiro. Tivo que chegar O corasón como un after no 2023 para que o fenómeno The Rapants eclosionara. E de que xeito. Un ano despois, o disco e a xira La maquina del buen rollo consolidou todas as expectativas, ata o punto de que hai unhas semanas recibiron o prestixioso premio MIN ao mellor disco galego do 2024. «A verdade é que foi unha sorpresa. Fomos alí con cero expectativas. De feito, antes da gala metémonos un pouco con Baiuca, preguntándolle se trouxera un camión para levas os premios porque o ano anterior leváraos todos, e mira ti, ao final, sorprendentemente, levámolo nós».

—É un premio importante en tanto que supón xa un recoñecemento fóra de Galicia.

—Si, sobre todo faino moita ilusión porque nós nestas cousas antes nunca saíamos premiados. Si que gañamos algún concurso de bandas pero recoñecementos a música nosa en estudio non tiñamos ningún. Así que a verdade é que nos deu bastante ánimo para traballar no novo disco que xa estamos gravando.

—Canto vos está a dar «La máquina del buen rollo»...

—É incrible. Nunca soñabamos con facer unha xira así. E que ademais, La máquina del buen rollo incluso impulsou o nos disco anterior, O corasón como una after, e nos axudou a levalo a máis xente. O reto é que agora estamos traballando aínda con máis ansias porque dicimos «temos que superar isto como sexa».

—Un premio coma este nótase na contratación de concertos?

—Non o sabemos porque aí o noso manager é bastante hermético e fíltranos bastante as cousas que chegan. Pero por exemplo, si coincidiu que cadramos na gala dos premios coa directora de AIE (Asociación de Inte?rpretes o Ejecutantes de la Mu?sica) que nos deu moi bo feedback e entramos na nova convocatoria de Artistas en Ruta o que nos vai permitir rematar esta xira por salas de toda España. Así que moitísima ilusión

—Saír fóra de Galicia era un obxectivo?

—Si. De feito, o noso terceiro concerto xa foi en Madrid. Tocamos en Muros, Santiago e o terceiro Madrid. E agora, xa no los din os haters en Twitter, que en Galicia estamos en todos lados (ri). Así que si, a idea é chegar tamén a máis xente e a outros públicos. E se veñen tres persoas a vernos en Murcia, pois estaremos contentísimos de recibilas e darlles un concertazo para que a próxima vez leven cada un a un par de amigos e vaian dez. Esa foi sempre a nosa filosofía.

—Cando rematades a xira?

—Non o sabemos, porque cando rematemos a xira de verán seguiremos co de Artistas en Ruta. Non sei se ao principio do ano que ven daremos algún concierto ou xa pararemos. Pero a idea é parar porque en outubro imos gravar a segunda parte do novo disco.

—Cando sairá ese novo traballo?

—Na primavera do 2026, aínda que antes sairán algúns adiantos con videoclips guapos. Xa temos cinco temas gravados e outros tantos listos para ir a gravar en outubro pero aínda non lle temos nome. Temos claro o concepto que queremos transmitir pero non damos co nome. É o que máis nos está custando. Estamos aí, en debates. Ao mellor chega un día un e di «buah! onte pola note ocurréuseme un nome boísimo». Cóntanolo e é unha merda de nome. Iso pasoume a min (ri).

—Musicalmente imos atopar sorpresas?

—Agardamos que si en todos os sentidos. A ver, nós ata agora nunca repetimos produtor. Non porque non quedásemos contentos. De feito, non nos cansamos de agradecer a Paco Loco o traballo que fixo en La máquina del buen rollo. Pero mólanos moito aprender da xente coa que traballamos e neste caso, como son uns grandes fans de Novedades Carminha, falamos con Anxo Ferreira, que tamén traballa con Sen Senra, e decidimos contar con el. E a vedade é que estamos aprendendo moitísimo e divertíndonos mogollón.

—E de que falaredes nel?

—Maioritariamente nós falamos de amor. Antes falabamos bastante de rupturas ou de amores imposibles pero como agora estamos a maioría con parellas temos un par de letras máis románticas aínda que haberá quen diga que son cursis. Pero bueno, aparte diso, sempre co noso rollo, haberá sitio para todo.

—O sábado actuades en Vilagarcía. Como afrontades ese concerto?

—Cando nos dixeron que iamos tocar en Vilagarcía nas festas pensamos que era a Festa da Auga e estabamos contentísimos (ri). Non, é broma. A verdade é que nos fai mogollón de ilusión tocar nas festas de Santa Rita. Sabemos en Arousa que hai un público supercañeiro ao que vemos nos festivais e ademais é un concierto gratuíto co que agardamos que sexa multitudinario e que a xente o pase ben. Nós imos coa idea de dalo todo e de pasalo xenial.