A candidatura de Fabeiro ás Letras Galegas cobra forza

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Presentouse oficialmente no marco da Semana da Historia de Noia

14 abr 2015 . Actualizado a las 11:06 h.

1O arranque da sétima Semana da Historia de Noia, un ciclo de charlas que se prolongará ata o sábado, serviu para facer oficial a candidatura de Manuel Fabeiro Gómez ás Letras Galegas do vindeiro ano. A proposta foi argumentada polo presidente do Liceo, Óscar Prego, que estivo acompañado do historiador Xerardo Agrafoxo e do artista Alfonso Costa. Previamente interviñeran o rexedor local, Rafael García Guerrero; o presidente de Barbantia, Xesús Laíño; e o filólogo Xoán Pastor Rodríguez, que fixo un percorrido pola vida e pola obra do escritor para o que se pide o recoñecemento. Na casa de cultura noiesa, onde están a ter lugar as conferencias, tamén se deron cita sete fillos do homenaxeado: Manuel, Joaquín, María, Esperanza, José, Mercedes e Juan; así coma un nutrido grupo de persoas vinculadas ao eido cultural. Todos co obxectivo na mente de apoiar a candidatura de Fabeiro .

Recepción en Boiro

2O rexedor boirense, Juan José Dieste, recibiu hai uns días na casa consistorial a un grupo de alumnos do instituto Praia Barraña que están a participar no certame Euroscola 2015. Na casa consistorial, os estudantes desenvolveran boa parte do traballo que presentaron a dito concurso, consistente nun vídeo no que os mozos simulaban atoparse nunha sesión do parlamento europeo, debatendo sobre temas de actualidade como a erradicación da pobreza ou a loita pola igualdade de xéneros. O alcalde interesouse polos detalles do proxecto.