Noela

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

«Hai quen asegura que a Arca de Noé chegou tamén a Galicia, e que de aí disque vén o nome de Noia, derivado de Noela»

27 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cóntase que Noé, tralo diluvio universal, non desembarcou só no Ararat. Hai quen asegura que a Arca chegou tamén a Galicia, e que de aí disque vén o nome de Noia, derivado de Noela, neta do patriarca bíblico. Mito improbable, pero fermoso, coma tantos que ancoran historias sagradas en costas afastadas. De feito, a nosa historia está chea de mitos, que explican dalgún xeito feitos aos que non lle atopamos sentido: a moura, os mouros, o apóstolo, os santuarios pétreos, a xeografía sagrada... Dan unha resposta a incertezas que sustentan a nosa tradición e memoria.

Noia, cidade de pedra e memoria, érguese fronte ao mar coa forma dun porto ancestral, dunha barca varada entre montes, néboa e mares.

O escritor Fernando Sánchez Dragó, amante dos símbolos, das escuridades e dos excesos, quixo comprobalo por si mesmo, pasando unha noite no Castro de Baroña, envolto en ruínas pétreas e vento atlántico, tras inxerir —segundo contou— algunha substancia psicodélica na procura de visións míticas. Asegurou que puido ver a Arca de Noé a flotar sobre a ría, como se a historia universal se detivese aquí, na esquina máis occidental de Europa, no poñente, onde a terra se funde co misterio.

Poida que Dragó non vise a arca, pero si comprendeu o que moitos senten ao chegar a Noia: que este lugar garda algo antigo e profundo. Que baixo o seu ceo gris, o seu chan húmido e o seu mar inquedo sobrevive unha idea da orixe, da salvación ou do naufraxio. Ao fin e ao cabo, toda cidade que soubo sobrevivir a si mesma é unha arca. E Noia, vella Noela, ben pode selo. Con dignidade e orgullo.