Carlos Lorenzo, concelleiro de Deportes de Porto do Son: «Damos dúas mil grazas á xente que vén á Sin-Son e confía en nós»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

Carlos Lorenzo apunta que levan semanas vendo como moita xente adestra pola estrada.
Carlos Lorenzo apunta que levan semanas vendo como moita xente adestra pola estrada. CARMELA QUEIJEIRO

O edil apunta que haberá homenaxe a Manel Deán, impulsor da carreira, e tamén novidades

19 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro como técnico de Deportes e agora como concelleiro, Carlos Lorenzo é un dos grandes coñecedores e valedores da Sin-Son 10K. Con gañas de que chegue a fin de semana para celebrar unha nova edición que promete ser un éxito —esgotáronse as prazas dispoñibles tanto para a carreira de adultos como para as escolares—, o edil móstrase orgulloso de que a proba sexa xa referente no calendario galego de carreiras populares.

—Nova Sin-Son e novo éxito de participación, agardaban pechar inscricións con máis dunha semana de antelación?

—Despois da pandemia houbo un bum e esgotábanse as prazas en todos os lados. Logo custou un pouco máis, porque había moita oferta e o ano pasado non logramos completalas. Como foi este sorprendeu por unha parte. Non por outra, porque sabemos que a carreira gusta moito. A data é boa, xa que está preto o Nadal e hai xente que está de vacacións. Este ano o que percibimos é que aumentaron os participantes locais, porque levamos semanas vendo durante as tardiñas a corredores pola estrada facendo o percorrido.

—Adrián Ben vai correr a proba por terceira vez e dixo que é unha das mellores de España. Será un orgullo que un atleta olímpico diga algo semellante.

—Eu falo bastante con el, porque collemos amizade polas veces que xa veu. Sempre di que lle encanta, que se sinte un máis ao lado dos atletas populares. É un gran embaixador para nós. A xente quere correr ao seu lado e para nós é un orgullo que veña e fale tan ben. Iso fai aínda máis grande a carreira.

—Precisamente, o de Viveiro recalcou ese bo trato do que falan, algo que trasladan todos os que asisten e que sempre foi un dos seus obxectivos.

—Sempre intentamos traer a alguén de renome porque así comezamos e o queremos manter. Non importa repetir, porque se repiten é que ambas partes rematamos contentos. Pero, por suposto, o corredor popular está por enriba de todo. É o noso puntal. Damos dúas mil grazas á xente que confía en nós. Nun concello pequeno como o noso, que aínda que temos relativamente preto Santiago, estamos lonxe das grandes cidades, conseguimos que haxa persoas en toda Galicia que queren participar na Sin-Son.

—Este ano, como non pode ser doutro xeito, con Manel Deán moi presente. Sen dúbida, o gran valedor da cita.

—Cando el estaba na concellería de Deportes iniciou esta loucura e mira en que se converteu. Xa está máis que consolidada e é coñecida polos atletas. Sempre será recordado e nesta edición gardaremos un minuto de silencio na saída para homenaxealo.

—Parece que haberá sorte e acompañará o tempo. Nestas datas, a semana anterior estarán moi pendentes da previsión?

—Xa varias semanas antes estamos a mirala —ri—. A chuvia desloce especialmente se cae na xornada do sábado, durante as probas dos nenos. O domingo é certo que é moito máis bonita se brilla o sol, pero os adultos xa aguantan mellor a auga.

—Pero con choiva tamén se correu, unicamente unha pandemia mundial puido coa Sin-Son.

—Efectivamente, tan só as limitacións que motivaron a pandemia no 2020 provocaron que se tivera que suspender. Ao ano seguinte decidimos apostar e a sacamos adiante a pesar de todo. Arriscamos, pero notouse que a xente tiña ganas de facer cousas porque pechamos as inscricións en tan só unha semana.

—Vostede é todo un experto nisto de calzarse as zapatillas, aínda que 10 quilómetros faránselle poucos. Para os que os ven como unha distancia considerable, que consello lles daría?

—Que teñan calma. Ao comezo, coa emoción de ir en pelotón, que parece que tira por ti, pódese correr fóra de ritmo e ao chegar á estrada, un terreo ondulado, a carreira pódese facer moi longa.

«Nesta edición imos sortear unha viaxe con aloxamento a Lanzarote»

En Porto do Son deron coa fórmula do éxito para converter a súa carreira en referente e xa se sabe que o que funciona, mellor non tocalo. Pero, aínda así, a organización sempre busca mellorar e ofrecerlle unha mellor experiencia aos participantes.

—É posible incluír cambios ou novidades nunha proba xa consolidada e tan coñecida?

—Sempre intentamos mellorar. No que se refire ao circuíto é complicado facer cambios. Pensamos en meter a carreira pola nave das redeiras, pero é difícil porque ao ser no inicio pode xerar problemas. Este ano entregaremos unha pulseira conmemorativa da Sin-Son e tamén haberá na chegada cervexa sen alcohol, que era algo que moitos solicitaban. Hai que manter as cousas que funcionan ben, como o chocolate coa rosca na meta, que xa é un selo de identidade da cita.

—Arriscaron no seu momento ao dividir a carreira en dúas xornadas e o tempo está a demostrar que foi todo un acerto.

—Si. Vimos que meter 2.000 persoas en Porto do Son o domingo era unha loucura. Ademais, así damos protagonismo aos dous núcleos urbanos do concello e tamén teñen o mesmo trato as carreiras escolares e a absoluta.

—Este ano coincide co sorteo extraordinario da lotaría de Nadal, teñen previsto algo especial? Imaxine que lle toca o gordo a un participante ou cae un premio importante en Porto do Son.

—É posible —ri—. Nós o que queremos é que a xente o pase ben, que viva a experiencia e que repita en máis ocasións. Iso si, que todos se queden ata o final, porque nesta edición imos sortear unha viaxe con aloxamento a Lanzarote. E calquera pode gañar, xa que, de forma aleatoria, sacarase un número do 1 ao 1.500 e o premio o levará a persoa que chegue nesa posición.