A asociación Francisco Lorenzo Mariño rende homenaxe ao Xuventú Aguiño

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

cedida

Enxalzará os 50 anos de historia do club deportivo no marco da súa Semana Cultural

11 ene 2025 . Actualizado a las 19:26 h.

A próxima fin de semana terá lugar unha nova edición da Semana Cultural promovida pola asociación Francisco Lorenzo Mariño. Nesta ocasión, o colectivo xurdido para manter vivo o legado do párroco falecido no ano 2004 aproveitará o ciclo para render homenaxe a outra entidade histórica da localidade, o Xuventú Aguiño.

Desde a asociación impulsora dos actos explicaron que este club de fútbol foi fundado en 1974 por un grupo de veciños, entre os que estaba Francisco Lorenzo, quen deseñou o escudo, no que estampou a bandeira de Galicia, como antes fixera no campanario da igrexa. O presidente da entidade deportiva, Xosé Manuel Vilas, intervirá no arranque da Semana Cultura, o venres, para falar dos 50 anos de traxectoria do club.

Nesa primeira actividade tamén tomará a palabra o historiador e xornalista Xosé María Fernández Pazos, que lembrará a traxedia do Santa Isabel que tivo lugar nas inmediacións da illa de Sálvora en 1921. O escritor publicou recentemente unha nova edición do libro sobre o naufraxio que fora editado hai 27 anos.

Ambos os relatores estarán acompañados polo rexedor de Ribeira, Luís Pérez, e o vicepresidente da asociación de Aguiño, Unai González. Tras as intervencións actuará a agrupación folclórica As 7 Linguas, pertencente á entidade Lorenzo Mariño.

O sábado, como é tradición, unha delegación da entidade veciñal desprazarase ao cemiterio de Porto do Son, onde descansan os restos do sacerdote, para realizar unha ofrenda floral. Tras este acto, previsto para as 17.00, oficiarase unha misa na igrexa parroquia de Aguiño. E ás 20.00, Fran Rei e Isabel Risco subiranse ás táboas do conservatorio convertidos en Eduardo Pondal e Rosalía de Castro para entreter ao público co espectáculo teatral Dúo Vaguedades, inspirado na historia dunha parella musical que anima festas e romarías.

As actividades chegará ao seu fin o domingo, cunha cita destinada ao público infantil. Correrá a cargo de Paco Nogueiras, que ás 17.30 desembarcará no conservatorio co seu espectáculo Son animal.

A Semana Cultural de Aguiño chega á súa vixésima edición mantendo os seus obxectivos iniciais: «Divulgar a nosa cultura, identidade, historia e tradición a través de diversas temáticas; así como conmemorar o pasamento de Paco como a el mellor lle gustaría, enxalzando a cultura do noso pobo e a unión dá nosa xente», destacaron desde a entidade veciñal.