Falta o solar

Ciprián Rivas VELAÍ

PORTO DO SON

23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A visita realizada polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, ó presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que trataron diferentes asuntos relacionados co benestar dos veciños sonenses, permite apreciar unha sintonía, máis aló de que os dous militen no mesmo partido. A construción dun novo centro de saúde, sen dúbida, necesario, en terreos da antiga alameda e preto da casa consistorial, levará á firma dun convenio onde as partes deixen claro o que lle corresponde a cada unha. Parece ser que a Xunta construirá a edificación nun terreo cedido polo concello e este encargárase do mantemento do edificio. E é aquí onde o alcalde pide tempo para realizar un estudo económico para garantir o nivel de compromiso a adoptar pola corporación municipal.

Trataron outros asuntos, pero, a precaución do alcalde antes de proceder á firma do acordo leva a pensar nunha negociación previa onde se diriman os flocos pendentes entre as partes. Oujo desexa saber si antes de firmar os compromisos poden cumprirse.

Ribeira, o mesmo que Porto do Son, ten tanta necesidade, ou máis, ó contar cun maior número de poboación, dunhas infraestruturas sanitarias renovadas, inda que, parece ser, ó goberno tripartito xa non lle corre tanta presa como no pasado escudándose en que o cadro de persoal de médicos e sanitarios actuais non cubre as necesidades desta poboación, tal como acredita a Plataforma de Defensa Sanidade Pública do Barbanza, xa que logo, estamos ben como estamos.

Quizais, por iso, Ribeira non presentou oferta de solar para edificar un novo complexo sanitario, pero inda se está a tempo.