Nebra reivindica a memoria dos mártires abatidos a tiros nas revoltas do 1916

M. L. G. RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

O acto do BNG para homenaxear aos mártires de Nebra.
O acto do BNG para homenaxear aos mártires de Nebra. CEDIDA

Cinco labregos morreron por loitar por un imposto que consideraban inxusto

13 oct 2025 . Actualizado a las 21:24 h.

O 12 de outubro de 1916 a parroquia de Nebra, en Porto do Son, tinguíase de loito polo sangue derramado nas revoltas que tiveron lugar na zona. Cinco veciños —catro mulleres e un home— perderon a vida e máis de trinta resultaron feridos loitando contra a inxustiza, nomeadamente contra un pago extraordinario imposto polo Concello da época derivado da mala xestión económica do goberno local.

Como cada ano, a ponte de Cans foi o escenario elixido para lembrar a estes labregos que morreron a tiros da Garda Civil simplemente por non estar de acordo cun tributo que consideraban inxusto. Alí érguese un monumento de pedra no que os veciños deixan un ramo de flores para que os mártires de Nebra non caian no esquecemento. Nesta ocasión, e baixo un sol de xustiza, foi un centro de rosas brancas o que depositaron nun sinxelo acto de homenaxe.

A ofrenda floral realizada polos veciños de Nebra na ponte de Cans.
A ofrenda floral realizada polos veciños de Nebra na ponte de Cans.

Como soe ser habitual, organizouse outra convocatoria da man do BNG. Cunha pancarta na que deixaban claro que «Na nosa terra cumprirase a vontade mos mártires», militantes e distintos cargos orgánicos e institucionais da formación nacionalista da comarca renderon homenaxe aos veciños de Nebra abatidos a principios do século pasado.

De fóra da comarca estivo a vicepresidenta segunda do Parlamento e deputada do Bloque, Montserrat Prado, quen salientou que aquel episodio «é un símbolo da resistencia galega fronte ao centralismo e a inxustiza» e lembrou que «a memoria das que nos precederon é semente de futuro».

Cidadanía activa

A parlamentaria arousá subliñou que «hoxe, igual que no 1916, hai unha cidadanía viva, activa e rebelde que non cala ante o espolio, nin ante o deterioro da sanidade, do ensino ou dos servizos públicos».

Para o BNG actos coma o de Nebra «son imprescindibles para manter viva a memoria colectiva e reivindicar o dereito de Galiza a decidir libremente o seu futuro».

Prado aproveitou para denunciar a «dependencia política e económica» de Galicia e «o espolio continuado dos seus recursos».

Afirmou que o Bloque «mira cara o futuro, mais non desde a desmemoria, senón co orgullo do que somos», dixo a deputada, quen fixo un chamamento a «seguir construíndo un país soberano, dono dos seus recursos».