A saga de escritores rianxeira ten novo membro: Óscar Reboiras

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

O autor explicou como foi o proceso para escribir «A agonía das folerpas», premio Galicia Rural 2022 de Galaxia

27 nov 2022 . Actualizado a las 12:27 h.

Compareceron no auditorio de Rianxo tres escritores no acto mensual de Barbantia. Un consagrado, Antón Riveiro Coello; outro que vai camiño de selo, Xosé Ricardo Losada; e un terceiro que acaba de xurdir, Óscar Reboiras. Os tres saben ben o que significa gañar premios (publicación e vendas das obras) porque os tres xa os recibiron. O último, A agonía das folerpas, de Reboiras, que foi o volume central da presentación nesa vila rianxeira canteira histórica de escritores, da que, como nunha terra fecunda, non deixa de agromar talento.

Xosé Ricardo Losada e Antón Riveiro Coello someteron a Óscar Reboiras a un entretido terceiro grao literario arredor da súa obra, premiada co Galicia Rural 2022 da editorial Galaxia, o que significa que o rianxeiro é o primeiro en obter este recoñecemento, porque vai na segunda edición despois de que a primeira quedara deserta.

Froito do cruce de preguntas e respostas dos tres autores, soubemos que Reboiras inspirouse nunha aldea do Xurés que se chama Salgueiro, que existe e á que chegou para facer unha das camiñadas ás que é afeccionado: «Cando estaba alí coa miña parella, nunha aldea remota, lonxe de todo, pensei: e se agora viñera alguén e me matara? Ninguén se ía decatar». Ese foi o punto de partida dun libro encadrado no xénero de novela negra, do que é un apaixonado o propio autor.

Claro que para escribir un libro hai que ter condicións, e Reboiras xa as tiña antes de facelo, porque foi alumno de Antón Riveiro no primeiro obradoiro de escritura promovido polo Concello de Rianxo e que imparte o limiá asentado en Barbanza, probablemente o mellor mestre para aprender a ser autor de libros. Dixo do alumno que xa desde o primeiro momento percibiu que tiña moito talento.

Froito da envexa

Reboiras confesou que a súa obra foi froito da envexa provocada polos outros tres membros da mesa: Riveiro, Losada e o propio alcalde, Adolfo Muíños, coa feira do libro promovida polo Concello e o que viu nela, o posterior obradoiro e o peso de Rianxo na obra de Xosé Ricardo. Porén, en A agonía das folerpas, os escenarios non son na vila rianxeira, senón no Xurés, nunha provincia de Ourense fetiche para Reboiras, o que non quer dicir que o lector rianxeiro non atope similitudes no espazo e nos feitos do premiado libro, no que hai lugares e situacións semellantes a outras que tiveron a Rianxo por escenario.

Adolfo Muíños congratulouse de que Rianxo siga a dar escritores e de que os obradoiros literarios dean froitos como Óscar Reboiras. E para coroar a interesante cita cultural, o músico local Félix Rodríguez Ramos interpretou ao bombardino coñecidos temas como Lela, Negra sombra e unha extraordinaria improvisación de temas galegos.