Unha ofrenda floral e un acto relixioso lembrarán a Castelao no seu cabodano

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

A ofrenda floral realizarase diante do busto de Castelao no paseo da Ribeira de Rianxo.
A ofrenda floral realizarase diante do busto de Castelao no paseo da Ribeira de Rianxo. CARMELA QUEIJEIRO

O Partido Galeguista homenaxeará ao intelectual en Rianxo o día 7

04 ene 2025 . Actualizado a las 17:17 h.

Este 2025 é o Ano Castelao e conmemórase o 75 aniversario do seu pasamento. Con tal motivo, están previstas numerosas actividades ao longo dos próximos meses que darán inicio este día 7, data na que faleceu o polifacético intelectual rianxeiro en 1950. En San Domingos de Bonaval, onde repousan os seus restos, está prevista a primeira homenaxe oficial, pero tamén en Rianxo haberá actos na lembranza do escritor, organizados polo Partido Galeguista xunto coa Asociación Etnolóxica de Rianxo e unha ducia de entidades constituídas pola emigración en Arxentina e Uruguai, coma o Centro Galego de Bos Aires, o Padroado da Cultura Galega de Montevideo ou a Fundación Galicia-América, entre outras.

Estas entidades nacidas alén o mar colaborarán en cantos actos vai organizar ao longo do Ano Castelao o Partido Galeguista, tal e como acordaron o pasado decembro nunha xuntanza en Bos Aires para proclamar o 80 aniversario da constitución do Consello de Galiza e a proclamación de Castelao como primeiro presidente de Galicia. A primeira homenaxe ao pai do nacionalismo en Rianxo será o día 7 pola tarde, cunha ofrenda floral diante do busto do escritor no paseo da Ribeira, e un acto relixioso que se celebrará a continuación na igrexa parroquial.

Con estes sinxelos actos darase comezo a un ano intenso no que o Partido Galeguista ten previsto desenvolver numerosos proxectos vencellados a Castelao.