O drakkar Torres de Oeste está xa nun asteleiro de Rianxo para a súa rehabilitación

La Voz CATOIRA / LA VOZ

RIANXO

cedida

A previsión do Concello e que estea dispoñible para a Romaría Vikinga de agosto

10 may 2025 . Actualizado a las 09:47 h.

O drakkar Torres do Oeste propiedade do Concello de Catoira saíu esta semana cara a un estaleiro de Rianxo onde estará varado durante dous meses para facerlle unha rehabilitación integral co obxectivo de que estea dispoñible para a Romaría Vikinga deste verán.

O Concello vai investir 48.000 euros na mellora da embarcación apostando así por «un recurso turístico fundamental para a vila viquinga porque forma parte da imaxe da Romaría», sinala o alcalde, Xan Castaño.

Os traballos de recuperación necesarios para o drakkar foron estudados e definidos pola firma Disgoco Galicia e un doutor enxeñeiro naval que concluiron que a embarcación estaba en estado «moi crítico» e que, de non intervir de maneira urxente, dificilmente se podería seguir utilizando para as vindeiras romarías. O obxectivo da actuación será restaurar e preservar a estrutura orixinal do barco e garantir a súa funcionalidade, seguridade e durabilidade, establecendo tamén uns protocolos de coidado e mantemento a futuro. 

O barco terá que subirse a seco e desmontarse na súa totalidade para retirar as madeiras podrecidas do casco, que teñen importantes fendas que non permiten que a estrutura se manteña estanca. Realizarase unha limpeza exhaustiva para eliminar restos de humidade, pinturas, siliconas e resinas e posteriormente iniciarase o cambio de táboas e o reforzo estrutural.

«Nesa fase cambiaranse cinco banceiras de proa a popa en cada costado ?a operación máis custosa-, así como as cadernas (as costelas do barco), instalaranse os bancos, mudarase a roda de popa, substituirase a quilla e farase un selado total. Ademais rehabilitarase toda a madeira restante cun lixado e un tratamento para previr fungos e humidade. Daranse imprimacións dos tratamentos necesarios e posteriormente farase o pintado final cun acabado exterior de imitación a madeira», segundo explican desde o Concello.