Cincocentos rapaces renderán homenaxe a Castelao en Rianxo co concerto «No bico un cantar»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

A iniciativa, organizada polo Consello da Cultura Galega, levarase a cabo o 6 de xuño

20 may 2025 . Actualizado a las 22:21 h.

O vindeiro 6 de xuño (18.00 horas) a praza Rafael Dieste de Rianxo será escenario dun concerto moi especial. Baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento musical da agrupación de metais Hércules Brass, cincocentos rapaces chegados dende toda Galicia renderán homenaxe a Castelao interpretando temas como Lela ou A rianxeira.

A actuación na vila rianxeira correspóndese cunha nova edición da iniciativa No bico un cantar, actividade organizada polo Consello da Cultura Galega para pór música á tradición literaria galega co obxectivo de divulgala. Serán medio milleiro de alumnos de conservatorios e escolas de música procedentes de Ferrol, A Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e distintos municipios da bisbarra, os encargados das insterpretacións, aos que se sumarán estudantes do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires.

Esta nova proposta presentouse onte en Rianxo nun acto no que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, sinalou que se trata dunha «das actividades máis emocionantes do noso calendario». O alcalde, Julián Bustelo, agradeceu a elección da vila rianxeira para homenaxear a Castelao «nun ano especialmente significativo», un aspecto no que incidiu o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo: «Como non podía ser doutro xeito, este ano acaía centrar este encontro nas verbas e na terra de Castelao, unha grande oportunidade para achegar a figura do intelectual aos máis novos».

Tema inédito

En canto ao repertorio, que homenaxea a Castelao con cancións que falan de literatura, música, mar e emigración, inclúe cantigas populares, pero tamén a estrea de Daniel, con música composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita, colaborador do rianxeiro máis universal. Tamén soará Bicos de Mar, de Xesús Frieiro e Anxo Romero, compositores de Ondiñas da nosa ría. A rianxeira, que tamén se interpretará no concerto, xunto con Maio longo, de Rosalía de Castro, para poñer o broche.