Foi un destacado xornalista nado en Ribeira que segue desaparecido da memoria da cidade
26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Neste país noso subxace un ruído opaco que semella esforzarse en esquecer parte da súa máis honorable e terrible historia. Sendo cativo lémbrome dunha singular persoa de Ribeira, dun auténtico personaxe, tanto pola presenza de bébedo asustado como pola maneira de se relacionar cos veciños. Un home case calvo do que se rían despois de o convidaren a uns viños. O máis estraño era que, malia o seu estrafalario comportamento, tratábano de don Enrique. Nese home permanecía algo a respectar: a dignidade.
Máis adiante, e sobre todo despois da aparición do documento editado por Edicións do Castro con introdución e notas de X. L. Axeitos e Uxío Bobillo (Enrique Fernández Sendón —L. Fersen— Memorias e antoloxía dun republicano galego, 1998), souben das verdades agochadas. Enrique Fernández Sendón, desterrado ou «transterrado» no seu propio pobo, en Ribeira, ao que regresou esquelético en 1940 dun campo de concentración onde estivo internado. Mesmo chegou a publicarse «o seu asasinato no cemiterio de Boisaca» pola «criminal represión fascista». Antes, en 1937, fusilaran o seu irmán maior, Manolo. Perdida a identidade e trastornada a súa personalidade, don Enrique permaneceu en Ribeira até o seu falecemento en 1954 para se converter nun esquecido.
Durante a súa residencia en Madrid asistía a tertulias nas que se reunían Alberti, Granell, Dieste, Neruda, e mesmo, caladiños, os estudantes Carlos Gurméndez e Lorenzo Varela. Foi redactor de Crisol, Comunismo, Leviatán, La Batalla, e autor de Qué significa el Trotskismo, ¿A dónde va el Partido Socialista?. Coñecido como un destacado xornalista durante a Segunda República, estudoso do marxismo que asinaba co pseudónimo L. Fersen, era un intelectual alegre que mantiña amizade cos Dieste, Otero Espasandín, García-Sabell, Lustres Rivas, Maside, Manuel Antonio, Ramón Baltar... Foi un adiantado na valoración de Manuel Antonio como a auténtica vangarda poética da Península.
Baixo o amparo de Paz Andrade, a partir de 1943, cun novo pseudónimo, A. Martín, colaborou na revista Industrias Pesqueras e no Faro de Vigo, con importantes traballos dos que quero subliñar a proposta de importación de estaño e folla de lata tan necesaria nas fábricas de conservas das rías, así como a visión da urxente construción dunha ponte na ría de Vigo, que despois farase real na de Rande. Á súa morte, García Sabell escríbelle a Elvira, a irmá pequena, mestra, unha carta na que, ademais das condolencias di: «Se pierde con él una extraordinaria y agudísima inteligencia y una cultura nada común».
«Traer hoxe aquí a memoria de Enrique Fernández Sendón semella un exercicio de fantasmagoría porque case é querer dar fe do que non existe. Porque nin sequera lle quedou o motivo da ausencia como xustificación de existencia». Palabras dos autores da Introdución, X. L. Axeitos e Uxío Bobillo, que subscribo e, para vergoña nosa, seguen a ser actuais pasados tantos anos. Coido que sería de xustiza non esquecer un home tan inxustamente tratado, e propoño que o pobo de Ribeira, a modo de reparación, recupere o seu nome, Enrique Fernández Sendón (Fersen), nunha rúa, unha praza ou nun centro cultural. É de xustiza para honra da propia cidade de Ribeira.