Estudantes de once concellos galegos participan en Ribeira na fase previa do club de debate Alingua

La Voz RIBEIRA

RIBEIRA

Cedida

Os rapaces teñen que debatir sobre se a masificación turística é un problema ou non en Galicia

24 feb 2025 . Actualizado a las 20:41 h.

O auditorio municipal de Ribeira acolle a fase previa do club de debate Alingua, un programa cooperativo no que participan distintos concellos da comunidade autónoma e que promove o uso oral da lingua galega, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo da xente nova.

Esta fase eliminatoria comezou hoxe no municipio ribeirense con participación de estudantes procedentes de Santiago, Santa Comba e Carballo. Mañá tocaralle a quenda a alumnado de Teo, Rois, Dodro e Vilagarcía e para rematar, o venres aos de Pontevedra, Narón, Pontedeume e Ribeira. O concello anfitrión estará representado polo colexio Galaxia.

En total son 32 equipos de debate chegados dunha vintena de institutos que se distribúen entre os once municipios nomeados. Suman case 300 mozos e mozas que deben demostrar a súa habilidade coas palabras na procura dun oco na final, que terá lugar o 26 de abril en Vilagarcía de Arousa.

O club de debate Alingua está dirixido a alumnado de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato ou cursos equivalentes na formación profesional.

Os participantes deberán agudizar o se enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, facilitando así a súa capacidade de análise e de interpretación da realidade, e sempre coa axuda dos docentes que preparan os equipos.

O tema escollido para a fase previa desta edición do 2025 foi a se masificación turística é un problema para Galicia. Uns equipos argumentarán a favor e outros en contra.